Persoal das Fundacións de Investigación Sanitaria demandan un convenio galego para atallar a precarización laboral

Persoal das Fundacións de Investigación Sanitaria demandan un convenio galego para atallar a precarización laboral

Demandan un “convenio colectivo galego” para os 440 traballadores e traballadoras deste organismo, na liña dos existentes noutros territorios do Estado. As Fundación Sanitarias naceron na última década do século XX e foron medrando, pouco a pouco, até chegar, en 2019 a ter un total de 440 traballadoras e mover máis de 26 millóns de euros ao ano.


Representantes dos comités de empresa das Fundacións de Investigación Sanitaria de Galiza denunciaron a precariedade laboral que soportan, tanto pola alta temporalidade dos contratos como polas carencias en seguridade e hixiene laboral. Tamén denunciaroos recortes en investimento para investigación así como a inexistencia dunha carreira investigadora que garanta a continuidade na investigación Un panorama perante o cal demandan “un convenio colectivo galego para todas as traballadoras e traballadores destes organismo, tal e como ocorre noutras comunidades autónomas”.

Na rolda de prensa foron Paula Cerezo, presidenta do Comité de Empresa da Fundación Biomédica de Galiza Sur; Alejandro Lamelo, presidente do Comité de Empresa da Fundación Profesor Novoa Santos e Ezequiel Álvarez, presidente do Comité de Empresa da Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago quen deron conta da actual situación en representación da Plataforma Galega de Traballadores e traballadoras de Investigación Sanitaria (PLAGTIS), que engloba a gran parte do colectivo investigador e de xestión a nivel hospitalario en Galicia.

Informaron que as Fundacións Sanitarias de Investigación de Galiza non dispoñen dun convenio laboral específico que regule as diferentes categorías profesionais e os dereitos das traballadoras e traballadores o que provoca que “a maior parte do persoal estea contratado en situación precaria e con contratos temporais, a maioría en fraude de lei”.

Denunciaron que, tanto a Consellaría de Sanidade, como a Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) “desvinculáronse totalmente do proceso negociador ao desestimar o noso requirimento, feito a través do Consello Galego de Relacións Laborais”. Un “desleixo” que denunciaron porque son un total de 440 as traballadoras e traballadores afectados por esta situación e porque levan demandando esa negociación desde hai máis de 6 meses.

As Fundacións Sanitarias teñen encomendada pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galiza a xestión integral da investigación e innovación que as profesionais sanitarios galegos desenvolven, así como a promoción dos resultados que a actividade investigadora xera. A misión de todas elas é impulsar a investigación, a docencia, a innovación e o desenvolvemento científico-tecnolóxico no ámbito sanitario galego. Traballan para promover a innovación e investigación galega, poñendo a disposición dos investigadores e resto da sociedade os medios e recursos precisos.

Os Comités de Empresa das Fundacións Sanitarias constituíronse hai un ano e fixaron como unha das súas prioridades a negociación dun convenio colectivo único a nivel galego que regule as relacións, dereitos e deberes laborais de todo o persoal de investigación sanitaria.

As Fundación Sanitarias naceron na última década do século XX e foron medrando, pouco a pouco, até chegar, en 2019 a ter un total de 440 traballadoras e mover máis de 26 millóns de euros ao ano. Por iso os comités consideran que “a Investigación debe ser un alicerce da nosa sociedade e as condicións de traballo dos investigadores e técnicos que a desenvolven non debería tratarse como un tema menor”.