O persoal das subcontratas de R na Galiza móvese contra a deslocalización do emprego

O persoal das subcontratas de R na Galiza móvese contra a deslocalización do emprego
r
r  

Está en risco o emprego de 500 traballadores e traballadoras, denuncian desde CIG.


O persoal das subcontratas de R Cable acordou realizar mobilizacións en defensa dos postos de traballo e contra o proceso de deslocalización do emprego cara a Asturies e Euskal Herria iniciado logo da compra da empresa por Euskaltel, no 2015. Este proceso afecta principalmente ao servizo de mantemento, que na súa maioría está subcontratado en outras empresas e pon en risco o futuro de máis de 500 traballadores e traballadoras, indica a CIG.

Recentemente, Euskaltel acordou entregar á chinesa ZTE os servizos de mantemento da rede que na Galiza até o de agora prestaban compañías como Comfica, Colabora, Indra, Plexus,... Porén, á diferenza doutros cambios anteriores, desta volta o persoal non será subrogado á nova adxudicataria nin se producirán contratacións aquí, xa que estes servizos van ser deslocalizados ao centro de traballo que ZTE acaba de abrir en Asturies. Ademais, hai persoal da propia ZTE, a quen R externalizou previamente nesta subcontrata, que tamén está en risco de perder o seu emprego.

A consecuencia máis inmediata da decisión foi o despedimento de 20 traballadores e traballadoras de Comfica, a quen a compañía se nega a recolocar. Mais a perda de emprego afecta tamén a outros servizos como enxeñería e desenvolvemento ou atención telefónica.