VALORAN MOBILIZACIÓNS

Persoal de Ferroatlántica denuncia que a venda das hidroeléctricas non garante o futuro laboral

Persoal de Ferroatlántica denuncia que a venda das hidroeléctricas non garante o futuro laboral
Mobilización do persoal de Ferroatlántica
Mobilización do persoal de Ferroatlántica  
Traballadoras e traballadores de Ferroatlántica reiteraron que a venda de hidroeléctricas das centrais de Cee e Dumbría non garante o futuro da Costa da Morte e solicitaron á Xunta que "asuma o seu compromiso" e que se poña do lado do persoal. O comité de empresa, conformado maioritariamente por CIG e Independentes, adiantou que valoran a convocatoria de mobilizacións nos vindeiros días en defensa do emprego así como emprender accións legais.

O persoal de Ferroatlántica esixe que calquera operación de venda das centrais hidroeléctricas de Cee e Dumbría teña as máximas garantías e que conte cun plan de viabilidade que asegure o futuro das fábricas e da comarca.

Sobre estas reclamacións informaron empregadas e empregados representados pola CIG e Independentes este sábado 24 de agosto nun comunicado en que manifestaron que "calquera operación de venda debe ter as máximas garantías" e contar cun "plan de viabilidade" que "asegure o futuro das fábricas e da comarca", da mesma maneira que "debe respectar a vinculación e a non segregación das centrais hidroeléctricas".

As traballadoras e traballadores explicaron ademais que o pasado 7 de agosto Ferroatlántica reiterou que mantería os recursos legais contra a resolución de Augas de Galiza de denegar a autorización para a segregación das centrais e que tampouco retirará o ERTE.

O comité de empresa anunciou que valorará un calendario de mobilizacións

Por este motivo o comité de empresa anunciou que valorará un calendario de mobilizacións e tomará "todas as accións legais" que considere oportunas para velar polos postos de traballo e o futuro industrial da comarca.

Ademais, o persoal especificou que o pasado 14 de agosto a Consellaría de Industria informou o comité da autorización para a cancelación do leasing sobre as centrais e, respecto diso, o conxunto de traballadores e traballadoras reiteraron que non se lle trasladaron os documentos apresentados pola empresa nin se lle informou das reunións que mantivo a Xunta coas entidades compradora e vendedora.

Unha operación "fraudulenta"

A CIG leva denunciando desde o inicio do proceso esta venda como unha “operación fraudulenta” a través da que o Grupo Villar Mir pretende levar adiante unha segregación encuberta das centrais coa que esquivar as cláusulas concesionais, e facer caixa cos recursos naturais.