Persoal investigador denuncia a negativa das Fundacións de Investigación Biomédica galegas a negociar un convenio digno

Persoal investigador denuncia a negativa das Fundacións de Investigación Biomédica galegas a negociar un convenio digno
Rolda de prensa persoal Fundacións Biomédicas (CIG)
Rolda de prensa persoal Fundacións Biomédicas (CIG)  

Implican a Consellaría de Sanidade nun ultimato no que non se ten en conta a posibilidade de captar e reter talento na Galiza


Representantes dunha parte importante do colectivo investigador a nivel hospitalario da Galiza denunciou esta cuarta feira 9 de outubro a negativa das máis importantes fundacións do sector a negociar un convenio digno para o seu persoal. Presidentas e presidentes dos comités de empresa de tres Fundacións Biomédicas de investigación sanitaria explicaron unha situación que cualifican de “non asumíbel”.

Os Comités de Empresa da Fundación Biomédica Galicia Sur, da Fundación Profesor Novoa Santos e da Fundación IDIS representan as traballadoras e traballadores de investigación sanitaria, constituídos en plataforma (PLAGTIS). O seu obxectivo era a negociación do convenio laboral específico.

A negociación do convenio comezou o 28 de maio de 2019 coa constitución dunha “Mesa de contidos” a través da apertura dun expediente no Consello Galego de Relación Laborais impulsado polo cadro de persoal das fundacións sanitarias. Desde aquela realizáronse cinco xuntanzas.

“Recibimos un ultimato por parte das fundacións coas que estamos negociando o convenio laboral”, explica Ezequiel Álvarez da Fundación IDIS a Sermos Galiza, “din que non están dispostos a admitir no convenio, na parte de retribucións, a persoal que teña gañado convocatorias de financiación para o seu contrato”. Álvarez explica que “no caso de aprobar unhas retribucións asociadas ás categorías profesionais no convenio esa xente quedaría fóra, non serían compensadas no caso de que fose necesario”.

“A negociación é difícil”, explica a Sermos Galiza Ezequiel Álvarez, “non facilitan a tempo os datos que precisamos para realizar as nosas propostas e confórmanse con excluír a este persoal cando o impacto económico non sería moito”.

Responsabilidade da Xunta

“A Xunta é quen ten que responder, o ultimato vén de arriba, dito polas propias fundacións”, denuncia o presidente do Comité de empresa de da Fundación IDIS , “vén da Consellaría de Sanidade”.

Para Ezequiel Álvarez deste xeito é imposíbel captar e reter talento na Galiza. “Hai convocatorias dos ministerios con remuneracións de 16.000 euros ao ano”, explica, “aquí sería a do Grupo E da Xunta na que se pide estudos de ESO, se non se complementa no se captará talento”.