O persoal de mantemento de Navantia responde os despedimentos cunha folga

O persoal de mantemento de Navantia responde os despedimentos cunha folga
[Imaxe: CIG] Persoal de mantemento de Navantia na asemblea desta segunda feira.
[Imaxe: CIG] Persoal de mantemento de Navantia na asemblea desta segunda feira.  
Convocatoria unitaria dun paro indefinido a partir do día 23 de setembro despois de que a UTE Tecman-Rayma e a empresa Indasa, que xestionan o mantemento dos estaleiros de Ferrol e Fene, decidiran despedir 15 traballadores. A CIG advirte un ataque contra o dereito de subrogación logo de que o persoal de mantemento conseguise gañar recentemente ese dereito.

Cando no 2016 a UTE que formaban Ferrovial e Elinco conseguiron o contrato licitado por Navantia para o mantemento dos estaleiros e conformou un cadro de persoal dunhas 70 persoas a situación dos estaleiros era de sub-actividade. Dous anos máis tarde, despois doutras loitas, esas traballadoras e traballadores gañaron tamén o dereito de subrogación como consecuencia da negociación do convenio sidero-metalúrxico. Agora, as empresas adxudicatarias dos diferentes lotes nos que se dividiu a nova licitación en 2018 -a UTE Tecman-Rayma, por un lado, e Indasa, por outro- veñen de anunciar os despedimentos de 15 traballadores.

“Non hai xustificación aos despedimentos”, di Ramón Fernández, responsábel da CIG Industria en Ferrol. “Que se vai reducir a carga de traballo, que é o argumento que utilizan as empresas, non ten que levar a reducir o persoal. Este cadro de persoal formouse nun momento non que non había plena ocupación. Segue sendo necesario para o mantemento, e máis cando Navantia prevé futuros incrementos da carga de traballo”.

As asembleas desta segunda feira decidiron aprobar unha convocatoria de folga indefinida a partir do día 23 de setembro, segunda feira, despois de que os sindicatos acordaran realizar accións o pasado venres, cando os traballadores afectados da UTE Tecman-Rayma (9) recibiran sen previo aviso os ingresos bancarios que rescindían os seus contratos. 

Indasa, que se dedica ao mantemento das cabinas de chorro e a labores de pintura, xa avisara á representación sindical de que ía haber despedimentos: cinco en total entre Ferrol e Fene.

O argumento das empresas é que Navantia avanzou que na revisión anual para prorrogar os contratos, a 30 de setembro, revisaría as condicións á baixas. Inmediatamente as empresas decidiron repercutir esa rebaixa sobre os traballadores con “despedimentos supostamente obxectivos”, denuncia o responsábel sindical, “e ademais desfacerse dun persoal organizado sindicalmente e con gran capacidade de mobilización”. 

A folga podería afectar a actividade dos estaleiros e chegar a paralizalos, din desde a CIG, mentres esperan contactos formais con Indasa e a UTE Tecman-Rayma para abrir unha negociación. “Hai alternativas aos despedimentos. Mesmo un ERE temporal rotativo en último caso que permita manter a vinculación laboral duns traballadores que teñen os seus dereitos”, explica Fernández, e lembra o paso adiante que deron hai uns anos cando conseguiron elevar o grao de protección do persoal grazas a que o novo convenio inclúe dereito de subrogación para os traballadores de empresas que realizan funcións de mantemento para empresas públicas como Navantia.