Un preacordo no conflito das ambulancias abre as portas ao final da greve

Un preacordo no conflito das ambulancias abre as portas ao final da greve
Imaxe dun feche de persoal de Ambulancias para reivindicar un convenio digno.
Imaxe dun feche de persoal de Ambulancias para reivindicar un convenio digno.  

As asembleas debatirán esta cuarta feira o acordo alcanzado na madrugada desta segunda feira após 7 horas de negociación. De aprobalo, suspenderíase a greve indefinida prevista a partir desta quinta feira.


Persoal e patronal acadaron na noite desta segunda feira un preacordo coa mediación do Consello Galego de Relacións laborais que pode poñer fin ao conflito no sector das ambulancias da Galiza. O contido deste preacordo será debatido esta cuarta feira en asembleas e serán os traballadores e traballadoras quen deican finalmente se o aceptan ou non. De darlle o visto bo, suspenderíase a greve indefinida prevista para arrancar esta quinta feira, día 21. De rexeitalo, a folga comezaría nos termos previstos.

Segundo informa o comité de greve, o preacordo recolle unha parte económica que contempla un incremento salarial de 12%:o convenio que se logre durará até 2022,  a suba salarial será de 4% a partir de 2019 e incremento salarial de 3% a partir do 1 de novembro de 2020 máis unha paga única de regularización de 500 euros nese mesmo mes. A partir de 2021 a suba será de 2,5% e crearase unha nova paga extra. O aumento salarial será de 3% a partir de xaneiro de 2022.

Outras cuestións que se contemplan no preacordo son que nas vacacións incluirase a media de todas as percepcións do ano anterior, desde 2019 e con efecto retroactivo. As subas calcularanse a partir do salario do condutor e aplicarase a mesma suba en todas as categorías. 



x