IMPAGOS SALARIAIS E XORNADAS DE 20 HORAS

A precariedade que se agocha detrás dalgúns macro festivais

A precariedade que se agocha detrás dalgúns macro festivais
Son do Camiño
Son do Camiño  

Traballadoras e traballadores de diversos macro festivais, algúns subvencionados pola Xunta de Galiza, denuncian reiterados casos de impago e a precariedade laboral que padecen, chegando a realizar xornadas laborais de até 20 horas diarias detrás dunha barra a cambio dunha media de oito euros por hora. Persoal afectado denuncia, en declaracións a Sermos Galiza, que o único que se coñece ao chegar á barra é a hora de entrada, mais nunca a de saída.


Xornadas de entre 15 e 20 horas laborais son as que soportan traballadoras e traballadores que acoden como persoal camareiro a varios dos macro festivais do verán, a cambio dunha remuneración media de oito euros por hora que nunca se incrementa ao pasar das oito horas. Denuncian, en declaracións a Sermos Galiza, que o único que coñecen ao chegar á barra é a hora de entrada, mais non a de saída. Na última edición do festival O Son do Camiño recibiron mensaxes para que fixesen máis horas para labores de desmontaxe após a fin do evento, cando non foran comunicadas previamente, segundo afirman.

“Nunca sabes a que hora sairás do traballo e estas xornadas que che fan realizar prexudican a saúde das e dos traballadores mais tamén restan moitos postos de traballo”, lamenta Manuel

“Hai xente que fai 15 ou 20 horas por xornada cobrando o mesmo por hora, fagas 5 ou superes as 8”, sinala a Sermos Galiza Manuel Fernández, nome figurado, traballador que acode asiduamente como camareiro a este tipo de festivais.

“Nunca sabes a que hora sairás do traballo e estas xornadas que che fan realizar prexudican a saúde das e dos traballadores mais tamén restan moitos postos de traballo”, lamenta Manuel.

Este ano no Son do Camiño “fixemos entre 9 e 10 horas o primeiro día, e a seguinte xornada foron unhas 13 ou 14 horas”, afirma este traballador.

“Cobres un formulario on-line e aceptas clicando co rato, mais non adoitan comunicarche as horas nin o horario que vas realizar”. Logo, engade Manuel, “a mecánica depende das subcontratas e da persoa encargada en cada festival, así, na maioría dos casos tes descansos para xantar algo rápido, mais noutros casos nin iso”.

No Son do Camiño “fixemos entre 9 e 10 horas o primeiro día, e a seguinte xornada foron unhas 13 ou 14 horas”

Fernández sinala o caso dun dos últimos festivais en que traballou onde desde a subcontrata lle enviaron un whatsapp solicitándolle que levase o seu abre latas.

Impago de salarios no Son do Camiño

Esta semana, varias persoas que traballaron como camareiras no festival o Son do Camiño, macro evento subvencionado pola Xunta de Galiza con 2,5 millóns de euros, denunciaron nas redes sociais o impago dos seus salarios durante máis de dous meses.

A raíz de facelo público, Manuel Fernández sinalou a Sermos Galiza que a subcontrata xa se puxo en contacto con varias das súas compañeiras para anunciarlles que nas vindeiras horas se realizarían os ingresos.

A denuncia pública xurdiu a través de conversaren entre elas, e dárense de conta de que unhas 20 persoas, que elas soubesen, aínda non recibiran ningún euro polo seu traballo no festival O Son do Camiño. Fernández tamén indicou que a problemática afecta 20 persoas que se saiba, mais nese evento traballaron máis de 300 persoas como camareiras, polo que sospeita de que deben ser moitas máis as que aínda non cobraron polo seu traballo.

Estas traballadoras aseguran que solicitaron o pago dos seus salarios en reiteradas ocasións a Trosma

Estas traballadoras aseguran que solicitaron o pago dos seus salarios en reiteradas ocasións a Trosma, subcontrata encargada da xestión do persoal camareiro no festival O Son do Camiño. “Non colleron o teléfono durante estes días e ao enviarlles mensaxes a través do móbil sempre se nos dicía que se nos pagaría en breve, e así levamos máis de dous meses".