Precariedade tamén no paro: máis de 79.000 persoas desempregadas e sen ningunha prestación

Precariedade tamén no paro: máis de 79.000 persoas desempregadas e sen ningunha prestación

A taxa de cobertura era en 2009 superior a 63% e na actualidade está en 57,4%, dous puntos por baixo da media estatal.


Das 166.000 persoas que na Galiza están rexistradas no paro unha parte significativa, 79.116, non perciben ningún tipo de prestación ou cobertura. Son cen máis das que había no mes anterior. Son, pois, 79.116 persoas que están no desemprego e non teñen ningún tipo de prestación ou axuda por esta situación. A taxa de cobertura por desemprego pasou de estar en 63% en 2009, inicios da crise, a ser agora de 57,4%. Unha porcentaxe que está por baixo da media española en case que dous puntos. No conxunto do Estado é de 59,2%.

Mais das 87.110 persoas que están no paro e son beneficiarias dunha prestación, só 44% delas perciben prestacións de carácter contributivo. Hai máis de 41.000 parados e paradas na Galiza que reciben cobertura denominada ‘asistencial’ (subsidios, renda activa de inserción e PAE). Desas 41.000 só 5 están no programa de activación para o emprego (PAE).

A contía media da prestación de carácter contributivo está de media mensual en 790 euros (máis de 800 no Estado e a das asistenciais entre 420 e 430 euros).

Os fogares de oito comarcas galegas teñen nas prestacións sociais a súa principal fonte de ingresos. Trátase de Os Ancares, A Fonsagrada, Quiroga, Baixa Limia, O Ribeiro, Terra de Caldelas, Terra de Celanova e Viana. Segundo un informe publicado polo Instituto de Estatística de Galiza (IGE), nestas comarcas o volume salarial que entra nos fogares é menos que as prestacións. A porcentaxe da poboación maior de 65 anos supera 36% nestas oito zonas, cando a media de Galiza é de 23,98%, segundo os indicadores demográficos do IGE.