Mobilización en Vigo contra a “represión sindical”

Mobilización en Vigo contra a “represión sindical”
[Imaxe: CIG] Mobilización da CIG diante dos xulgados de Vigo.
[Imaxe: CIG] Mobilización da CIG diante dos xulgados de Vigo.  

Concentración diante dos xulgados en solidariedade con Carlos Martínez Lamosa, responsábel de Transportes da FGAMT-CIG, xulgado por supostamente ter realizado unha pintada


A CIG iniciou este 15 de outubro as mobilizacións coincidindo cos xuízos previstos a varias traballadoras e traballadores por varios conflitos laborais. Esta terza feira foi diante dos xulgados de Vigo en solidariedade con Carlos Martínez Lamosa, responsábel de Transportes da FGAMT-CIG, que está acusado de supostamente ter realizado unha pintada durante o conflito polo convenio de ambulancias.

“Desde a crise o capital reforzou os seus mecanismos de represión, o que hoxe acontece é un exemplo”, afirma a Sermos Galiza o secretario comarcal da FGAMT-CIG de Vigo, Suso García. “Que se lle acuse a alguén no xulgado do penal por facer unha pintada é para dar a mensaxe de que calemos e aquí que non se mova ninguén para que fagan o que lles pete”.

O secretario comarcal da FGAMT-CIG de Vigo explica que no caso desta terza feira a situación xurde como consecuencia do conflito de ambulancias. “Hai un compañeiro que é acusado de facer unha pintada en base a unha aplicación estrita da denominada Lei Mordaza para reprimir calquera protesta obreira”, por este motivo engade que están concentrados “en defensa dos nosos dereitos”.

Antes da última reforma da Lei este tipo de cuestións eran tipificadas como faltas, agora pasan a ser delitos leves mais co agravante de que crean antecedentes penais. A petición contra Carlos Martínez Lamosa é de multa de entre 1 e 3 meses cun importe diario a pagar segundo acorde o Xulgado número 2 de Vigo.  

“Xa se mira o que pasou con Barreras e outras grandes empresas que mandan á xente á rúa, nais e pais de familia que quedan tirados e a eses responsábeis empresariais non se lles aplica ningún tipo de xuízo, e aquí preténdeselle aplicar un xuízo penal”, denuncia Suso García. “É o mundo ao revés”.

Campaña contra a represión sindical

“Temos máis casos e seguiremos as mobilizacións”, asegura a Sermos Galiza o secretario comarcal da FGAMT-CIG de Vigo, “o seguinte ten relación co conflito no Meixoeiro contra un empresario que debe millóns a Facenda, a traballadoras e traballadores, a todo o mundo”. As seguintes mobilizacións serán os días 28, 29 e 30 de outubro.

“Os grandes movementos financeiros móvense para reprimir a loita obreira”, pensa Suso García, “saímos a concentrarnos agora e no resto de xuízos para demostrar que non nos van calar evidentemente, non nos podemos quedar quietos”.

Xustiza e Lei Mordaza         

Aínda é cedo para saber que acontecerá con estes xuízos mais desde a CIG aseguran que non deixarán a protesta. “O Estado deulle armas aos xuíces, a denominada Lei Mordaza, o que non sabemos é con que xeito aplicarán a mesma os xuíces”, explica a Sermos Galiza Suso García, “mais se non nos movemos e non defendemos o noso dereito a poder manifestarnos estamos perdidos, é das poucas armas que temos”.