Primeira xornada da folga de ambulancias: persoal denuncia a responsabilidade da Xunta

Primeira xornada da folga de ambulancias: persoal denuncia a responsabilidade da Xunta
[Imaxe: SG]
[Imaxe: SG]  

A primeira quenda da greve é desde esta sexta feira até o día 11 para se retomar do 18 ao 24 e despois do 4 ao 10 de marzo. Demándase un convenio “digno” que permita regularizar o sector e sinalan a responsabilidade da Xunta no deterioro das condicións.


A primeira xornada de folga no sector de ambulancias, por volta de 1.500 traballadores e traballadoras, está marcada polos servizos mínimos: de 100% no 061 e de 50% para servizos como altas, traslados e tratamentos. Os sindicatos convocantes da greve (CIG, CCOO e UXT) recorréronos por consideralos abusivos.

Nacho Pavón (CIG) explica que con eses servizos tan amplos, nesta primeira xornada de greve a incidencia non vai ser moi apreciábel mais si que se vai notar a medida que pasen os días: “O efecto vaise ir acumulando no tema das altas, traslados e tratamentos”. Na folga non vai funcionar a figura da ambulancia de apoio (cando unha está ocupada outra está dispoñíbel para actuar) e iso tamén vai ser un factor moi importante na repercusión do paro.

A representación social insiste que este conflito non é simplemente entre a patronal de ambulancias e o persoal, senón que ten un axente a maiores, é un conflito “a tres bandas” pois a Xunta ten unha responsabilidade de primeira orde. Así, sinalan o Goberno galego como principal causante da precarización das condicións laborais no sector e do desmantelamento do servizo público por sacar os contratos por baixo do seu custo e aceptar as propostas con baixas temerarias das empresas. Unhas empresas que teiman, din os sindicatos, en rebaixas e recortes no convenio.

O negocio’ das ambulancias funcionaba en certa medida porque se manexaba con criterios de “economía sumerxida”, afirma Pavón: non se pagaba o que había que pagar, non había mantemento acaído das ambulancias, horas e quendas abusivas… “Con iso as empresas gañaban cartos e elas e a Xunta, contentas”. Todo descansaba, resume, en conversa con Sermos Galiza, “nas costas dos traballadores”.

Reivindicación

Mais iso variou cando persoal empezou a se mobilizar e a reclamar que se cumprisen os seus dereitos. Cumprilos implicaba que as empresas xa non gañaban cartos porque a Xunta sacara a concurso o servizo cun custo moi baixo. “Para que iso dese cartos había que incumprir leis: laborais, de saúde…”, manifesta Pavón.

“Non é tanto un conflito salarial como de ordenación e concepción do propio servizo de ambulancias”, considera o sindicalista da CIG, que acusa a Xunta de “lavarse as mans” nunha situación na que é en grande medida responsábel.