Os premios 8 e 10 de marzo, para a loita das delegadas de Povisa e do persoal contratas de Movistar

Os premios 8 e 10 de marzo, para a loita das delegadas de Povisa e do persoal contratas de Movistar
Premios 8 e 10 de marzo Foto: CIG
Premios 8 e 10 de marzo Foto: CIG  

A CIG fixo entrega dos premios 8 de marzo e 10 de marzo, Día da clase obreira galega, que foron para as delegadas de Povisa (e mención especial para as traballadoras de Regaki) e para Montelnor e Liteyca, contratas de Movistar


A loita protagonizada polas delegadas da CIG no comité de Povisa vén de ser recoñecida polo premio '8 de marzo' que entrega a central sindical nacionalista. Estas traballadoras tomaron parte en diversas mobilizacións no interior da policlínica, convocaron manifestacións en Vigo e concentracións diante da Xunta, así como unha greve de fame en repulsa a 13 despedimentos e “ás chantaxes e coaccións por parte da dirección do Hospital, para lograr un convenio colectivo digno e en defensa dunha sanidade de calidade”.

Canda elas, as traballadoras da Rede galega de Kioskos (Regaki) recibiron unha mención especial pola súa loita durante os anos 2014 e 2015 en demanda dos seus salarios e en denuncia da complicidade da administración no desmantelamento da empresa. Unha empresa que embora recibir multitude de cartos públicos en subvencións, “disolveuse sen pagar ningunha nómina nin indemnización ás 95 persoas do seu cadro de persoal, todas elas con enfermidades crónicas ou diversidade funcional, tendo que facerse cargo o FOGASA dos seus salarios”.

Greves

O premio do Día da clase obreira galega foi para a loita das contratas de Movistar, que mantiveron unha greve de máis de 40 días no caso de Montelnor e de 50 no caso de Liteyca, para exixir o cumprimento dos convenios colectivos, a limitación da subcontratación en cadea e o recoñecemento do dereito á subrogación. Xunto a este conflito recibiron unha mención especial os conflitos de Citroen e Althenia.