SANIDADE PÚBLICA

A reivindicación dos PAC fai 18 meses en pé de guerra

A reivindicación dos PAC fai 18 meses en pé de guerra
PACs en Pé de Guerra
PACs en Pé de Guerra  

O persoal sanitario dos puntos de atención continuada (PAC) de Galiza fai 18 meses de mobilizacións e folgas en prol de melloras laborais, dereitos e recursos. Cunha vixilia nesta segunda feira, a plataforma PAC en Pé de Guerra continuará pulando por unha solución ao conflito.


Nas áreas sanitarias de Galiza celebrarase esta segunda feira unha vixilia para lembrar os 18 meses de mobilización e folgas coas que o movemento do persoal sanitario dos puntos de atención continuada, PACs en Pé de Guerra, reivindica melloras laborais e de dotacións e recursos nos puntos de atención continuada.

Após a tardiña e até a media noite desenvolveranse as mobilizacións desta segunda feira, en forma de vixilia, nas distintas áreas sanitarias. Así, na Coruña o persoal dos PAC e a veciñanza que acompañe a mobilización concentraranse ás 21.30h no Obelisco, en Pontevedra ás 21 horas diante do concello; e en Vigo, Ourense, Ferrol e Santiago será ás 21.30 horas diante de cada PAC. Ás 20.30 horas a mobilización tamén decorrerá no PAC de Viveiro.  

As reivindicacións son tan básicas como o feito de esixir “que nos dean de comer cando facemos unha garda de 24 horas”, apunta Ausín

“Anos queimados pola sobrecarga asistencial e a perda de dereitos laborais” anuncia o cartel da convocatoria. Nesa liña, en declaracións a Sermos Galiza, Elisa Ausín Rodríguez, médica e portavoz de PACs en Pé de Guerra na área de Vigo, afirma que as reivindicacións son tan básicas como o feito de esixir “que nos dean de comer cando facemos unha garda de 24 horas” ou que “non teñamos que recuperar as horas das baixas”. Reclaman tamén que os complementos conxelados desde o ano 2010 se recoñezan e se abonen. Entre as peticións do colectivo tamén se manteñen a retirada dos obxectivos da derivación hospitalaria, equipos completos enfermaría-médica, revisión de plans funcionais, valoración de riscos e equipos de protección acorde ao traballo que desenvolven.

“A Consellaría ten moitas contas pendentes coa atención primaria”, apunta Ausín

Un ano e medio de protestas e negociacións que non chegaron a bo porto debido a que proposta do Sergas foi rexeitada por insuficiente por parte das e dos traballadores. “Após de 18 meses seguimos en conflito co agravante de levar desde xaneiro en folga”, afirma Elisa Ausín, mais anuncia que non van retroceder. De feito, engade que non senten desánimo nin esgotamento, e que a mobilización continuará até conseguir que o conflito se resolva.

En Vigo, a vixilia coincide esta semana coas protestas do resto da atención primaria, tamén en conflito. “A Consellaría ten moitas contas pendentes coa atención primaria”, apunta Ausín.