Os sindicatos forzan o inicio da negociación con Educación tras máis de tres horas de peche

Os sindicatos forzan o inicio da negociación con Educación tras máis de tres horas de peche
Peche sindical en Educación  [Imaxe: CIG]
Peche sindical en Educación [Imaxe: CIG]  
Representantes de CIG-Ensino, CCOO-Ensino, ANPE e FeSP mantiveron desde a mañá desta cuarta feira e até as 14.30 horas o seu encerro na Consellaría de Educación para reclamar unha xuntanza coa súa titular na que abrir a negociación para a devolución do horario lectivo que, finalmente, se producirá a semana vindeira.

Tres horas e media durou a protesta das forzas sindicais con representación na Mesa Sectorial no interior da Consellaría de Educación para forzar unha xuntanza conxunta coa súa responsable, Carmen Pomar, coa que abrir a negociación. O obxectivo, recuperar o horario lectivo que, denuncian, “foi recortado por Feixoo con anterioridade ao real decreto de 2012”. Ás 11 horas comezaba o encerro na secretaría, que concluía pasadas as 14.30 horas, tras recibir os e as representantes sindicais confirmación da xuntanza por parte do secretario xeral técnico e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, nunha data aínda por pechar da semana vindeira.

“Houbo un intento inicial de forzar encontros por separado, mais a nosa negativa a saír nesas condicións logrou o compromiso da conselleira para a xuntanza unitaria, tal e como reclamabamos”, sinala a Sermos Galiza o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, que advirte na estratexia da Xunta “un intento de demorar e dividir”. 

A petición para este encontro remitíraselle á titular de Educación, nunha carta conxunta das catro organizacións sindicais o pasado 11 de outubro que non recibiu resposta.  “Finalmente, tras case un ano sen que a conselleira se reúna coa mesa, poderémoslle trasladar en persoa as nosas demandas: a volta aos 18 períodos lectivos máximos en secundaria e aos 21 en primaria, un dereito que xa recuperaron nestes intres noutros lugares do Estado español”, expón Bermello.