Representantes sindicais péchanse en Educación para negociar a devolución do horario lectivo

Representantes sindicais péchanse en Educación para negociar a devolución do horario lectivo
Peche sindical en Educación  [Imaxe: CIG]
Peche sindical en Educación [Imaxe: CIG]  

CIG-Ensino, CCOO-Ensino, ANPE e FeSP teñen intención de permanecer en San Caetano até seren recibidos pola conselleira.


A situación chegou ao límite para o sector da educación pública. As catro organizacións sindicais con presenza na Mesa Sectorial, CIG-Ensino, CCOO-Ensino, ANPE e FeSP acaban de iniciar esta cuarta feira 30 de outubro un peche nas instalacións da Consellaría de Educación logo de que a súa titular, Carmen Pomar, non respondese á petición incluída na carta conxunta que lle foi remitida o pasado 11 de outubro.

“Solicitámoslle a apertura dunha negociación para recuperar o horario lectivo recortado por Feixoo con anterioridade ao real decreto de 2012”, afirma a Sermos Galiza o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello. “Demandamos a volta aos 18 períodos lectivos máximos en secundaria e aos 21 en primaria, un dereito que xa recuperaron nestes intres noutros lugares do Estado español”.

Os representantes sindicais teñen a intención de permanecer nas dependencias da Consellaría até ser recibidos pola súa titular, malia que nun primeiro contacto co seu equipo avanzáronlles que non ten pensado reunirse con eles. “Sabemos a súa axenda e pode desprazarse, ten que decidir se quere seguir no seu búnker ou negociar”.