O sector do cerco, entre citacións xudiciais, sancións e recortes

O sector do cerco, entre citacións xudiciais, sancións e recortes
Citación xudicial
Citación xudicial  

A frota galega do cerco volve padecer as consecuencias das decisións de Bruxelas. Sen cota para capturar, continúan a recibir as sancións e citacións xudiciais polas protestas do mes de marzo. 


Após 8 meses das mobilizacións que protagonizaron os mariñeiros do cerco por todo o país reclamando un outro reparto das cotas máis "xusto", as sancións e citacións xudiciais continúan a chegar. No concreto, case todas elas están a centrarse na manifestación decorrida o 6 de marzo no Porto de Vigo e pola que xa foran multados un bo feixe de cerqueiros con 150 euros de sanción

Desta volta, o Xulgado de Instrución número 4 de Vigo remitiulles a 14 mariñeiros senllas citacións xudiciais en calidade de "imuputados" por un presunto delito de "desordes públicas" e chámaos a compareceren en dependencias xudiciais os vindeiros 1 e 5 de decembro para prestaren declaración. Segundo o xuíz instrutor a manifestación non fora comunicada a Subdelegación do goberno e nela sucedéranse importantes enfrontamentos coa policía española. 

Aliás, na notificación lémbrase aos mariñeiros que presentarse no xulgado constitúe unha "obriga" ou, do contrario, "poderá converterse esta citación nunha orde de detención". Segundo informaron fontes da frota do cerco recollidas polo Faro de Vigo este tipo de citacións veñen remitíndoselles "desde o mes de abril ou maio". Aliás, aseguran estar certos de que "varios policías presentaron denuncias por lesións". 

"Non podemos pescar sardiña, a xarda que queda é puramente testemuñal porque a súa tempada xa pasou e as capturas que temos de cabalón son case accidentais"



Fechamento da pesquería da sardiña

Desde o mes de marzo en que se produciron as mobilizacións en rexeitamento polo reparto de cota acordado desde a Secretaría Xeral de Pesca e a prol dun modelo de reparto liñal, a situación que atinxe o sector do cerco non mellorou moito.

Neste senso, nas últimas semanas foilles anunciada o fechamento das pesquerías da sardiña e da anchoa sur. Aliás, tamén foi decretado o cesamento das capturas do xurelo na zona VIIIc, entre Fisterra e Baiona (Iparralde) para aqueles barcos de xestión conxunta. Este feito obrigaría a perto de 140 buques con porto base na Coruña, Lugo e Pontevedra, desprazárense até a zona IXa (Fisterra a Cádiz). Algo complexo para barcos de pequena eslora. 

"Non podemos pescar sardiña, a xarda que queda é puramente testemuñal porque a súa tempada [primavera] xa pasou e as capturas que temos de cabalón son case accidentais", apuntou nos últimos días o patrón maior de Sada, Andrés García. "A que nos imos dedicar?", se preguntan, oito meses despois de saíren ás rúas con esta mesma pregunta.