Seguimento maioritario na segunda xornada de greve en elaborados do mar

Seguimento maioritario na segunda xornada de greve en elaborados do mar

Retomouse o paro após fracasar as negociacións coa patronal. Os sindicatos responsabilizan a patronal da ruptura de negociacións  e de tentar perpetuar un convenio miserábel. CIG-Mar solicita a implicación da Xunta nun conflito "enquistado" dun sector  "estratéxico para o país".


As traballadoras do sector de elaborados do mar, por volta de 7.000 en Galiza, volveron a retomar a greve na demanda dun convenio digno após fracasar as negociacións coa patronal. A segunda xornada de paro está a ter, segundo os sindicatos convocantes (CIG, CCOO e UXT), un seguimento maioritario. A representación dos traballadores critica “a intransixencia do empresariado”, que realizou unha derradeira oferta, afirman, “que non satisfai minimamente as demandas” de melloras económicas e sociais, pretendendo perpetuar o “peor convenio” de todo o ámbito da alimentación.

Unha das demandas principais é a do aumento salarial, xa que desde 2010 perderon poder adquisitivo ao non acadan sequera o incremento do IPC, empobrecendo unhas nóminas propias de “man de obra barata”, denunciou a CIG.

CIG-Mar solicita a implicación da Xunta nun conflito "enquistado" dun sector  "estratéxico para o país"

No tocante á recuperación de dereitos esixen limitar o traballo temporal e evitar a implantación de novas fórmulas abusivas como empresas multiservizos ou falsas cooperativas. Denuncian casos de centros de traballo nos que hai tres veces máis traballadores de ETT que contratados pola empresa principal, ou industrias onde operan até tres ETTs diferentes.

Alén diso, lembran nas condicións duras de traballo no sector, que decorre en ambientes moi húmidos e fríos, a velocidades de vertixe.É por iso que se reivindica un plus de refrixeración, así como outros pluses para traballos especiais. Aliás, desde CIG-Mar, que ten 40% da representación, insisten na “necesidade estratéxica” de contar cun convenio galego “que podería traer moitos beneficios” ao persoal dos elaborados do mar.

Terceira xornada o mércores 31

A terceira xornadade greve repetirá o esquema das dúas anteriores, dando inicio na madrugada desta cuarta feira 31 con piquetes informativos percorrendo os principais centros de traballo e polígonos. Así, e segundo informa CIG-Mar, na comarca de Vigo desprazaranse desde as 22 horas do martes ao inicio da quenda de noite en Pereira, para desprazarse ás 04:30 a outras factorías como Fandicosta ou Mascato. No caso de Pontevedra, comezarán ás 04:00 da mañá desde Numarsi, no polígono de Campañó, e máis tarde irán até o porto de Marín para informaren as traballadoras/es en GPS ou Cabomar, ás 04:30h.



x