A segunda xornada de folga en Citroën paraliza a factoría

A segunda xornada de folga en Citroën paraliza a factoría
Imaxe: CCOO PSA
Imaxe: CCOO PSA  

O seguimento desta quenda de paros é maior que na primeira xornada, salientan os sindicatos. Denuncian que desde a dirección se está a chamar traballadores e traballadoras doutras quendas para substituír as grevistas.


“A factoría está parada completamente, non está producindo ningún vehículo”. A afirmación de Manuel Domínguez, da CIG, resume o éxito da segunda xornada de greve na fábrica PSA Citroën en Vigo.  “Hai maior participación na folga que o xoves pasado”, manifestou, en referencia á primeira xornada de paros.

Esta cuarta feira centos de traballadores e traballadoras secundaron o paro e marcharon reclamando unha solución para a situación de sobrecarga de traballo que hai na liña de montaxe, nomeadamente na 2. Desta volta, o paro convocado era de catro horas por quenda fronte ás dúas da primeira xornada de greve. A media mañá centos de operarios e operarias abandonaron a cadea de montaxe para manifestarse na demanda de solucións. 

O aumento dos ritmos e cargas de traballo están a levar os operarios da automoción até o extremo, someténdoos a unha sobrecarga física e mental. Os sindicatos levan tempo alertando desta situación.

CIG, CCOO e UXT convocan estas xornadas de greve, que teñen o apoio tamén da CUT. Os sindicatos denuncian que desde a dirección se está a chamar a traballadores e traballadoras doutras quendas para que vaian cubrir os postos do persoal en folga.  As tres centrais convocantes da folga denunciaran esta semana que se acometeron “ilegalidades” por parte da dirección da factoría na primeira xornada de greve. “Substitúen traballadores que deciden secundar a folga”, “preguntan as traballadoras se van secundala”, “impoñen servizos mínimos sen respectar o Comité de Folga”...