Unha sentenza considera arbitrario e contrario a dereito o cesamento do profesorado substituto en 30 de xuño

Unha sentenza considera arbitrario e contrario a dereito o cesamento do profesorado substituto en 30 de xuño

A resolución vén motivada por unha demanda presentada polos servizos xurídicos da CIG-Ensino e o sindicato considera que “abre unha clara expectativa para rematar cos ceses cando non se incorporou a docente titular da praza”.


Unha sentenza xudicial considera arbitraria a fixación da data de 30 de xuño para cesar unha docente se a titular da praza non se incorpora. A xuíza do xulgado do contencioso de Lugo afirma na resolución que o cesamento a 30 de xuño “perde a razón de ser pola non incorporación da titular e o novo nomeamento en setembro”. A sentenza é firme e responde a unha demanda presentada pola CIG-Ensino. Recoñece o dereito a que lle sexan aboadas á docente substituta as retribucións correspondentes até a finalización ordinaria do curso escolar (14/09/2018) xunto coas cotas da Seguridade Social.

En setembro de 2018 a CIG-Ensino tomou a decisión de abrir unha nova fronte xudicial diante do que considera “inmobilismo” da Consellaría de Educación á hora de devolver o dereito ao cobro dos meses de verán ao profesorado substituto que traballa 5 meses e medio nun mesmo curso. “Este recorte, vixente desde 2012, malia figurar desvergoñadamente no texto do Acordo do Persoal Interino subscrito por outras organizacións sindicais e a Consellaría, mantense na actualidade”.

En novembro de 2018 entrou na vía xudicial a primeira demanda neste sentido. “Como vimos afirmando desde hai xa máis de dous anos, os continuos vaivéns da xustiza en todos os ámbitos (galego, estatal e europeo) obrigan a que conduzamos con cautela as campañas de reclamacións xudiciais, fuxindo das falsas expectativas”.  Neste caso en particular, a docente, substituta de do corpo de Escola Oficial de Idiomas (EOI), foi cesada en 30 de xuño e contratada de novo nos primeiros días de setembro para realizar os exames e avaliacións extraordinarias xa que a docente titular da praza non se incorporou durante o verán e obtivo un novo destino no concurso de traslados con data 1 de setembro e era precisa a súa presenza no centro para elaborar as probas e avalialas.

Discriminación

A CIG salienta que a sentenza entra no fondo da cuestión e nela afírmase, explica o sindicato nacionalista, que os ceses a 30 de xuño, cando non hai incorporación do titular, vulnera o artigo 24.2.f da Lei 2/2015 de emprego público de Galiza, no que se fixa o cese por reincorporación da persoa titular. “Por iso conclúe que estamos diante dun “trato desigual” ao respecto do funcionariado de carreira mais tamén do persoal interino con contrato de curso completo xa que a argumentación empregada pola Consellaría de que no verán non existe actividade lectiva non se sostén cando o resto do profesorado se mantén con contrato en vigor”.

A sentenza non senta xurisprudencia nin pode estenderse a todo o profesorado mais a CIG entende que debería servirlle á Consellaría como “chamada de reflexión antes de que se produza unha escalada de demandas como xa aconteceu con anterioridade noutros conflitos”.