Cinco sentenzas xudiciais condenan Zara por despedimento improcedente e fraude na contratación na Coruña

Cinco sentenzas xudiciais condenan Zara por despedimento improcedente e fraude na contratación na Coruña
Concentración nun Zara de Compostela en maio deste ano.
Concentración nun Zara de Compostela en maio deste ano.  

UGT considera que as resolucións desmontan a “fraude na contratación” da empresa.


Cinco sentenzas xudiciais condenan Inditex por despedimento improcedente e fraude na contratación a raíz dunha denuncia do sindicato UXT na provincia da Coruña. A empresa ten agora que readmitir esas traballadoras ou ben indemnizalas por despedimento improcedente, segundo informa o propio sindicato socialista.

A orixe deste caso está na reclamación de que certos contratos eventuais, que a central reputa como "fraudulentos", se tornen en indefinidos. Unha situación que puxeron en coñecemento da propia empresa que, aseguran, “non quixo negociar”.

A mediados de 2017 denunciaron estas irregularidades perante Inspección de Traballo que, a inicios de 2018, insta a Zara a transformar 38 contratos eventuais en indefinidos. “A empresa, após o requeremento de Inspección, comezou a finalizar contratos que estaban en fraude para evitar transformalos en indefinidos”, explica UXT, que cualifica de “rastrera” esta actuación. O sindicato animou as traballadoras a denunciar.

Agora vén de se coñecer que a xustiza dálles a razón, “nas cinco sentenzas o xulgado ve unha clara fraude na contratación”, segundo o sindicato. UXT afirma que a través dos contratos fraudulentos, Inditex poder ter “traballadoras sen calendarios estábeis, e difeerentes aos do cadro do persoal indefinido, sen vacacións, menor salario…”.



x