Os servizos públicos rexistran 153.820 persoas desempregadas na Galiza

Os servizos públicos rexistran 153.820 persoas desempregadas na Galiza
[Imaxe: Ministerio de Traballo]
[Imaxe: Ministerio de Traballo]  
O 58,8% son mulleres, máis de 90.000; e a afiliación á Seguridade Social cae 1,6 puntos respecto a agosto do ano pasado para situarse en 1.036.900 persoas.

Os rexistros dos servizos públicos de emprego no pasado mes de agosto saldan cun incremento do 1,92% o paro na Galiza respecto do mes de xullo, pero o número de desempregados descende en 10.604 persoas en relación a agosto de 2018, o que supón unha caída do 6,45%, segundo os datos que fixo públicos o Ministerio de Traballo.

A afiliación á Seguridade Social caeu en agosto un 0,06% respecto ao mes anterior, mais en termos interanuais a caída é maior (1,62%) malia que a cifra se mantén por riba do millón (1.036.900 persoas). En Galiza rexístranse 804.557 persoas afiliadas ao réxime xeral, 211.003 autónomos, e 21.341 afiliados no réxime do mar que representan o 30,6% deste segmento no Estado. 

A Xunta, por medio da secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, apresurouse a valorar os datos. “Somos a segunda comunidade na que máis descende o paro e levamos seis meses consecutivos por riba do millón de afiliados á Seguridade Social”, dixo Toca.

Na CIGFran Cartelle, o secretario confederal de Emprego, explicou que "a precariedade segue avanzando no mercado laboral na Galiza". O sindicato nacionalista considera que os datos constatan "a precariedade, a temporalidade e a nefasta calidade do emprego que temos. Coas mesmas políticas, teremos os mesmos resultados e nada indica que o PSOE estea disposto a abandonar o camiño trazado polo PP". Cartelle chamou a atención ademais sobre a cifra de contratacións e comentou: "o número de contratos rexistrados segue sendo moi elevado, no mes de agosto rexistráronse 93.629 novos contratos. Porén é tal a temporalidade que tan só o 6,2% foron baixo algunha das modalidades de contratación indefinida".

Pola súa banda, Comisións Obreiras lembrou que este "é o maior incremento dun mes de agosto desde 2008, antes da crise económica", e indicou que tal circunstancia "evidencia a desacelaración do emprego" en Galiza.

Desde o PPdG, o seu secretario xeral, Miguel Tellado, pronunciouse no mesmo sentido e subliñou que Galiza é a segunda comunidade co "mellor dato" na evolución anual do paro de agosto. Tellado lamentou que o “efecto Sánchez comece a lastrar a nosa economía". 

Mentres, a coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, manifestou que nestes últimos anos "asistimos a un empobrecemento total da clase traballadora. Un exemplo disto é que un 94% dos novos contratos firmados en agosto foron temporais”. En opinión de Solla, “estamos a ver unha tendencia onde a situación é claramente máis complicada para as mulleres que para os homes. Tamén para as mozas e mozos menores de 35 anos, que acceden, moitas por primeira vez, a empregos de extrema precariedade”.