MACA RODRÍGUEZ E VITORINO ARES

"O sindicalismo nacionalista nunca se vendeu e iso valórase”

"O sindicalismo nacionalista nunca se vendeu e iso valórase”
[Imaxe: XMP] Maca Rodríguez e Vitorino Ares
[Imaxe: XMP] Maca Rodríguez e Vitorino Ares  

El, Vitorino, xubilado parcialmente, traballou na construción e afiliouse en 1975 ao SOG, Sindicato Obreiro Galego, gromo do que naceu a CIG. Ela, Maca, traballa nunha empresa de consultoría informática, onde é delegada sindical pola central nacionalista.  Falamos con ambos os dous -xeracións distintas, experiencias vitais e laborais distintas, mais no mesmo proxecto sindical- sobre sindicalismo e os seus retos nuns momentos en que a CIG logrou ser a primeira forza na Galiza en representación. Eis un extracto da entrevista publicada no número 340 de Sermos Galiza.


mini_5Vitorino Ares marchou ben novo do seu Curtis natal para A Coruña para traballar na construción. Alí afiliouse ao SOG e comezou a súa implicación e compromiso de catro décadas no sindicalismo nacionalista. Maca Rodríguez vive en Compostela, onde estudou e agora traballa nunha empresa do sector TIC. Afiliouse ao sindicato. Con motivo do 25 aniversario da fundación da CIG, conversamos con eles.

Como empezaron no sindicalismo?

Vitorino Ares: Eu en 1975. Traballaba nunha obra na Coruña que se chamaba ‘a das 600 vivendas’. Empecei a conectar con xente do mundo do nacionalismo. En 1976 houbo unha folga moi grande da construción que durou 36 días e aí xa había xente do SOG, o Sindicato Obreiro Galego, e comecei a reunirme con eles e así. Teño o carné número 18 do SOG na Coruña. 
Maca Rodríguez: Sempre estiven vencellada co movemento nacionalista e os movementos sociais e cando empecei a traballar, un grupo de compañeiros e compañeiras decidimos que había que afiliarse e demos o paso. Pouco despois decidín presentarme ás eleccións sindicais.

Como foi aquel primeiro contacto?

V.A. Eu viña da aldea e vivín na Coruña só, a onde fora traballar na construción. Traballaba nun taller de ferralla e tiña tempo a ler os xornais e lía aquelas noticias sobre Moncho Reboiras, a loita obreira en Ferrol... e vas meténdote, despois coñeces xente e vas meténdote máis. Entras nun mundo que é totalmente distinto a hoxe, quizás máis doado porque daquela non había nada e calquera cousa que se conseguía era moi importante. A xente implicábase máis porque, como dicía, non había nada. Creo que é máis difícil facer sindicalismo hoxe, hai máis presións, cambiou o mundo do traballo, que é máis individualista, tamén mudaron as empresas...
M.R. Está entrando xente nova no sindicalismo, pero menos da que debería. Eu empecei a interesarme por isto ao materializar as conversas coas compañeiras. Diciamos “hai que facer algo”. A xente é conformista. Hai unha regulación laboral mínima, poucas cousas coas que nos conformamos. 

Como cren que mudou desde aquela a agora a actitude da sociedade respecto do sindicalismo?

V.A. A maioría de quen empezamos no sindicalismo nacionalista tiñamos 17, 18, 20 e poucos anos; non había xente maior, non tiñamos referentes. E foi esa xente nova a que ía polas obras, polas fábricas, a que montaba piquetes, a que organizaba... Daquela a actitude da xente a respecto dos sindicatos era clara: eu lembro que traballaba nunha obra en Monelos, ‘as oito torres’, nas que se facían 600 vivendas, e levabamos unha semana con ruxes ruxes de que ía haber unha folga. Un día chegou un grupo de persoas de SOG e CCOO á entrada da obra e un deles dá unha palmada e coa man fai ademán para que baixemos. Non fixo falta máis, todos paramos, sen discusión e empezamos a organizar piquetes. Había ganas, había compromiso pero é que non tiñamos nada, nada, por iso había que moverse.

E hoxe cunha palmada...
M.R.
(Ri) Nin coa palmada nin case co megáfono. Moita xente moza non lle ve utilidade ao sindicato. Se teño un problema no traballo xa me informo por internet do que facer, ou pregúntolle a un colega ou xa verei. Se teño problemas na empresa prefiro cambiar de empresa a enfrontarme. Hai moitos medos. Por iso non se queren mollar. Confórmanse con eses dereitos básicos, con ese salario mínimo para ir tirando en precario. “Non quero líos”, dinche.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 340 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]
 



x