ESIXEN ACCIÓNS CONCRETAS AO GOBERNO GALEGO

Os sindicatos advirten á Xunta sobre os efectos da parálise de Endesa

Os sindicatos advirten á Xunta sobre os efectos da parálise de Endesa
Central térmica das Pontes. Foto: cedida.
Central térmica das Pontes. Foto: cedida.  
CIG, CC OO e UGT advirten á Xunta das “consecuencias negativas” sobre o emprego e a economía de Ferrolterra e Galiza derivadas do paro produtivo que, desde hai catro meses, afecta á central térmica de Endesa As Pontes. Así llo trasladaron ás conselleiras de Industria e Infraestruturas nunha xuntanza este 9 de agosto.

“Ao suspenderse o transporte de carbón, Endesa vai reducir os contratos con empresas auxiliares. Isto supón unha ameaza directa a centos de postos de traballo”, avisaron, “a compañía está a eliminar custos malia se tratar dun paro temporal”.

A reunión cos altos cargos da xunta realizouse a petición da representación dos traballadores e traballadoras. Esta esixiu da Xunta que se vexa coa dirección da compañía e que ás xuntanzas asistan os tres sindicatos “para reclamar que paralice calquera medida contra o emprego”.

CIG, Comisións e UGT tamén queren que o Goberno galego fale co Ministerio de Transición Ecolóxica, dirixido por Teresa Ribera. Para as centrais sindicais, cómpre modificar o chamado céntimo verde e que “haxa un trato igualitario co resto de tecnoloxías de combustión”.

A terceira xestión que piden á Xunta consiste en verse co comisario europeo de enerxía, Miguel Arias Cañete, para que actúe sobre o mercado de emisións de CO2 “no sentido de aplicar os mecanismos previstos de estabilización de prezos do mercado, xa que nos dous últimos anos esa bolsa especulativa medrou un 500%”.