Os sindicatos saen á rúa para demandar un futuro industrial para Ferrolterra

Os sindicatos saen á rúa para demandar un futuro industrial para Ferrolterra
Estaleiros na ría de Ferrol. [Imaxe: arquivo/Navantia]
Estaleiros na ría de Ferrol. [Imaxe: arquivo/Navantia]  

CIG, CCOO e UXT convocan unha mobilización o día 28 de novembro para denunciar a crise que atravesan as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.


A crise de Ferrolterra ten moitos nomes propios. Empresas como Navantia, Endesa, Megasa ou Gamesa están seguido de actualidade pola súa situación laboral. Ante o difícil futuro que teñen por diante moitas das firmas das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, os sindicatos CIG, CCOO e UXT decidiron convocar unha mobilización en favor da reindustrialización destes territorios.

Para o secretario comarcal da CIG, Manel Grandal, a situación é “insoportábel” como consecuencia da marcha das mozas que fan que a poboación da comarca estea “moi envellecida”. “Parece que nos leva a unhas comarcas que teñen que morrer por inanición, un camiño polo que nos están levando e onde os índices de pobreza na nosa cidade (Ferrol) están por enriba do resto da Galiza”.

Ante esta situación, Grandal avogou por “manter e potenciar o sector naval”, así como unhas infraestruturas “acordes con estes tempos”. “Xa non valen máis promesas”, senón “obras con orzamentos definidos e con prazos reais de execución”, esixiu.

O seu homólogo de UXT en Ferrol, José Antonio Díaz, denunciou que as traballadoras están “completamente esquecidas polas administracións” nunha crise que se prolonga “desde o ano 2008, con problemas en Navantia e Endesa ou o peche de empresas como Poligal, Iris, Elinco ou Lousas Campo. "Temos que darlle unha solución, xa que salvo un milagre, Navantia vai ter unha parada de dous anos, onde Gamesa polo momento só ten un ano de garantía de emprego", advertiu.

Chamamento ás políticas

Na rolda de prensa na que deron a coñecer a convocatoria de mobilización tamén estivo presente o secretario comarcal de CCOO, Santiago Díaz, quen lembrou que a falla dun estatuto electrointensivo pon “en risco” firmas como Alcoa ou a metalúrxica Megasa.

Por este motivo, fixo un chamamento a que os partidos políticos “defendan a todos os seus representados” e lembra que a falla de postos de traballo na industria tamén pasa factura aos outros sectores.