SOS de Vigo pola situación industrial da comarca

SOS de Vigo pola situación industrial da comarca
Vigo [Imaxe: Cedida]
Vigo [Imaxe: Cedida]  

Unha manifestación esta cuarta feira convocada pola CIG denuncia a situación de “asfixia” e “desfeita” no sector naval, a automoción e a sanidade pública.


A comarca de Vigo vive estes meses pendente da situación nos grandes estaleiros, da marcha de empresas cara o norte de Portugal e do futuro do centro médico Povisa. Motivos abondo para que a CIG de Vigo iniciara unha campaña co lema SOS Vigo: polo futuro industrial da comarca, emprego digno e servizos públicos que se visibilizará na rúa nunha manifestación esta cuarta feira 30 de outubro (Vía Norte, 20 horas).

“Estamos vivindo unha desfeita industrial”, asegura a Sermos Galiza o secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonçalves. “O sector Naval, un dos piares da comarca, está a desaparecer polo mal facer do empresariado que aproveitou as axudas públicas para engordar as auxiliares das empresas matrices e logo asfixialas”. Gonçalves advirte que “se deixou morrer a Vulcano e agora vai pasar o mesmo con Barreras e as súas auxiliares”.

Desde a CIG de Vigo denuncian tamén a continua marcha de empresas cara Portugal no sector do motor e que “non existan políticas proactivas nin por parte do Gobernos español nin por parte da Xunta de Galiza que ten todas as competencias para aplicar medidas”. Por este motivo exixen “cambios reais” nunha comarca “cada vez máis centrada no sector servizos”.

O secretario comarcal da CIG de Vigo avisa que este é o inicio “dunha campaña máis longa que se non cambia a situación desembocará nunha folga xeral”.

O sector Naval nas últimas

César Rodríguez, responsábel do Naval da CIG-Industria de Vigo, explica a Sermos Galiza a situación “de emerxencia” que vive o sector. “Vulcano perdeuse e Barreras, o estaleiro principal do Estado español, ten unha parálise que causou a perda de 800 postos de traballo e unha situación agónica por parte da industria auxiliar que non cobra o que realizou”.

Agora hai unha grande inseguridade “polo proceso preconcursal e os prazos que ten”. Advirte que esta situación “pode abocar á liquidación do propio estaleiro”.

“Se caen os dous estaleiros máis grandes desaparece o sector naval de Vigo”. O responsábel do Naval da CIG-Industria de Vigo explica a Sermos Galiza que a carga de traballo destas empresas é a maior de toda a ría, a que conta cando se queren tratar datos reais “e non maquillados”.