CARLOS LONGUEIRA, CELADOR

"Temos moi claro o que queremos e imos loitar até o final polo noso pan"

"Temos moi claro o que queremos e imos loitar até o final polo noso pan"
Carlos Longueira
Carlos Longueira  

Celadoras e celadores da Galiza están a mobilizarse contra a eliminación dos seus postos de traballo por parte do Sergas. Carlos Longueira é un dos traballadores que esta semana acudiu ás mobilizacións que se levaron a cabo en cada unha das áreas sanitarias galegas contra a política da Xunta. Denuncian que o goberno galego está a substituír o posto e categoría do persoal celador polo de PSX (persoal de servizos xerais), de carácter máis administrativo.


Carlos Longueira é celador de quirófanos no Hospital Universitario da Coruña e participa nas reivindicacións que as súas compañeiras e compañeiros de profesión están levando a cabo en todas as áreas sanitarias galegas denunciando a substitución que ordena o Sergas dos seus postos de traballo por persoal de servizos administrativos (PSX). Consideran que as e os PSX son imprescindíbeis mais tamén defenden que as funcións das celadoras e celadores non son substituíbeis por persoal administrativo. Sermos Galiza conversa con Longueira sobre o conflito laboral e as perspectivas de futuro.

Que problemática atravesan as celadoras e celadores?

O conflito estámolo vivindo moi agudizado nos centros de saúde de atención primaria e sobre todo nos puntos de atención continuada (PACs), onde cada vez que se xubila unha celadora ou celador é automaticamente substituído por unha persoa PSX (da categoría de persoal de servizos xerais).

A figura do PSX creouse para facer sobre todo labores administrativos. Nos centros pequenos encárganse de máis funcións, asumindo as tarefas de administración, de mantemento e tamén os labores de celador. Entendemos que iso é necesario nos centros de tamaño reducido, mais o problema xurde cando esta situación tamén se dá nos PACs e nos centros de saúde con volume importante de pacientes.

O conflito estámolo vivindo moi agudizado nos centros de saúde de atención primaria e nos PACs, onde cada vez que se xubila unha celadora ou celador é automaticamente substituído por unha persoa PSX

Nós non somos persoal sanitario, pero a nosa cualificación vai alén do traballo administrativo. As e os celadores que están nos PACs levan 20 ou 30 anos traballados en centros hospitalarios especializados, desempeñando o seu labor directamente con pacientes, traballando en quirófanos, na ucis, nas urxencias... e estanse substituíndo por persoal administrativo.

Nos centros de especialidades ademais moitas persoas chegan con dificultades e precisan servizo asistencial , non só administrativo, pois adoita ser preciso recollelas, axudalas a entrar, manexar cadeiras de rodas e camas...

O problema chega incluso até as reprografías e os almacéns de material sanitario. Antes sempre o levabamos nós e agora ou está privatizado ou lévao persoal administrativo.

Que medidas reivindicades?

Esiximos ao Sergas que pare de eliminar os nosos postos de traballo e que non nos supla nos centros de especialidades e nos PACs con PSX. Reivindicamos por tanto que as baixas de celadoras e celadores débense cubrir con persoal da mesma categoría profesional.

Reivindicamos por tanto que as baixas de celadoras e celadores débense cubrir con persoal da mesma categoría profesional

O mesmo coas xubilacións, pois actualmente estanas cubrindo con PSX, algo que non está escrito en ningunha orde e que é unha decisión do Sergas arbitraria, non legal e inxusta.

Como valorades a mobilización da pasada sexta feira?

Estamos moi contentos e contentas coa grande afluencia obtida en todas as áreas sanitarias. Estamos tendo reunións continuadas en Santiago para coordinármonos e temos moi claro o que queremos e imos loitar até o final polo noso pan.

Continuaremos pola vía negociadora, mais se non hai reposta acudiremos á vía xudicial

Cal é a resposta do Sergas?

Dinos que non se están a cubrir prazas con PSX e acúsanos de mentir, mais nós temos os datos probados que avalan as nosas denuncias.

Que próximas actuacións tedes previstas?

Todos os meses manteremos a mobilización. Continuaremos pola vía negociadora, mais se non hai reposta acudiremos á vía xudicial. Como dixemos na mobilización da Coruña “somos pacientes e perseverantes, temo ganas de defender o noso traballo!”.