Tendas fechadas e almacén loxístico ao ralentí: folga en DIA na Galiza

Tendas fechadas e almacén loxístico ao ralentí: folga en DIA na Galiza

CIG, convocante da greve, fala de “amplo seguimento” do paro contra o despedimento de 2.100 traballadoras e traballadores no Estado.


O ERE extintivo anunciado por DIA que afectará a 2.100 traballadoras e traballadores en todo o Estado está a ter resposta en Galiza, onde hai preocupación polo impacto deste expediente extintivo se ben aínda non se coñece a cantas persoas afectará no noso país. Esta cuarta feira decorreu unha folga convocada pola CIG para protestar contra os despedimentos, un paro que, segundo o sindicato nacionalista, tivo un amplo seguimento.


A xornada arrancou cunha concentración de persoal no almacén loxístico da cadea en santiago de Compostela. “Os piquetes e concentracións repetíronse en múltiples cidades e vilas do país”, afirma a central, que destaca que moitas tendas tiveron que fechar. Ángel Casas, delegado do comité de DIA en representación da CIG, confirmaba un seguimento de practicamente o 100% no almacén loxístico.

A respecto de cantas traballadoras e traballadores afectaría na Galiza o ERE, Diego Tarrío, tamén representante da CIG no comité afirma que “non nos din nada, só dan largas. Non temos constancia de que estean negociando ou, se o están, sobre que están falando”.

A CIG, con representación na Coruña, Pontevedra e no almacén de Compostela (9 delegadas) denuncia a súa exclusión da mesa de negociación do ERE extintivo a nivel estatal.