Traballador despedido en Ferrolterra por pedir ao empresario que o tratase con respecto

Traballador despedido en Ferrolterra por pedir ao empresario que o tratase con respecto
non á represión sindical
non á represión sindical  

A empresa, Talleres Mecánicos Galicia, recoñeceu a improcedencia da medida no acto de conciliación no SMAC, segundo a CIG.


Talleres Mecánicos Galicia, empresa sita en Narón, rescindiu o contrato a un traballador por demandar este ao propietario da compañía que o tratase con respecto. Denúnciao a CIG, que insiste en que o despedimento foi por se arrepor “á actitude despótica do propietario, Roberto Derungs”, e pedir “un tratamento respectuoso”. A empresa, indica o sindicato, alegou motivos disciplinarios para xustificar esta medida, circunstancia pola que o traballador acudiu a asesoría xurídica da CIG para presentar demanda por despedimento improcedente.

A central informa que Talleres Mecánicos Galicia recoñeceu a improcedencia do despedimento no propio acto de conciliación no SMAC de Ferrol,  pagando ao traballador os 39.000 euros da indemnización que legalmente lle corresponden.

CIG lembra que esta empresa “mantén o seu persoal rotando de xeito permanente entre as dúas sociedades constituídas (Talleres Mecánicos Galicia e Insder) para non ter que recoñecerlle a antigüidade e que trata o seus traballadores e traballadoras de maneira absolutamente irrespectuosa”.