As traballadoras de GEA non se renden e seguen a pelexa contra Fernández Somoza

As traballadoras de GEA non se renden e seguen a pelexa contra Fernández Somoza
Traballadoras de GEA, na Coruña esta quinta feira.
Traballadoras de GEA, na Coruña esta quinta feira.  
Levan o seu caso até un xulgado da Coruña, onde protestaron esta quinta feira. A vista celebrarase o día 26 e as traballadoras reclaman o pago de 2,4 millóns de euros que o empresario se comprometeu a asumir cando adquiriu terreos da antiga GEA en Vigo.  

Traballadoras do Grupo de Empresas Álvarez (GEA) concentráronse esta quinta feira nos Xulgados da Coruña para reclamar unha solución ao conflito que manteñen cunha inmobiliaria propiedade do empresario Luis Fernández Somoza. Dezaoito anos despois de que pechara a empresa despois dun concurso de acredores, e trece desde que Fernández Somoza adquirira en poxa pública terreos de GEA coa obriga de abonar as débedas co persoal, un grupo de duascentas traballadores segue pendente dun xuízo civil para que o empresario cumpra as condicións da poxa. 

Entre os anos 2014 e 2015 producíronse negociacións entre as traballadoras e as diferentes empresas que na poxa se fixeron con fincas destinadas ao cubrir parte das débedas, pero este colectivo dunhas duascentas traballadoras decidiu non aceptar unha quita do 30%. Fernández Somoza ofrecíalles uns 900.000 euros e elas, en asemblea, rexeitaron a oferta. Outros colectivos si asumiron unha quita similar en acordos con outras empresas.

As traballadoras levan desde 2006 esperando a que Fernández Somoza cumpra, pero o empresario aduce que a rebaixa do prezo do solo non lle dá para pagar o que comprometera. Esgotada a vía laboral, a vía civil levou ás traballadoras a un xuízo na Coruña, sede da inmobiliaria. Admitida a demanda, a vista terá lugar o próximo día 26, e o xuíz decidirá se hai xuízo ou se xa conta con material documental suficiente para emitir sentenza. As traballadoras exixen o pagamento de 2,4 millóns de euros. Despois de 13 anos de pelexa con Fernández Somoza, saben que, de perder, este recorrerá ao Supremo... “Pero esta xente, que a maioría ten máis de 60 anos e levan case vinte de loita, tampouco se vai render”, di Marcos Conde, delegado da CIG que acompaña as traballadoras nas protestas e nos xulgados.