MANUEL DOMÍNGUEZ, SINDICALISTA DA CIG

“As traballadoras e traballadores de Citroën non podemos soportar máis esta situación”

“As traballadoras e traballadores de Citroën non podemos soportar máis esta situación”
Manuel Domínguez, primeiro pola esquerda, no feche.
Manuel Domínguez, primeiro pola esquerda, no feche.  

Representantes da CIG, CCOO e UXT iniciaron esta segunda feira un feche indefinido nas oficinas da dirección da factoría PSA en Vigo. Os sindicatos levan tempo denunciando a sobrecarga de traballo e ritmos na liña de montaxe na planta viguesa sen que desde a dirección se dea unha resposta ou comprometan a estudar solucións. Falamos con Manuel Domínguez, da CIG, unha das persoas que toman parte no feche. “A dirección ten que asumir que o que pasa en Citroën non é broma”


O exceso de traballo e a falta de persoal é unha problemática da que os sindicatos levan tempo advertindo. Entre as medidas adoptadas pola CIG, CCOO e UXT neste tempo inclúense visitas ao taller co responsábel de fabricación para que comprobase o deterioro no que moitos traballadores e traballadoras teñen que afrontar os seus postos; denuncias na comisión paritaria de tempos e rendementos; e elaboración dun estudo detallado posto por posto e doutro no que cada responsábel de unidade participou achegando as súas necesidades. Sen resultados nin resposta por parte da dirección.

“Unha situación que os traballadores xa non poden soportar máis”, afirmades para explicar o porqué do fechamento. Cal é esa situación á que vos referides?

Vimos desde hai tempo poñendo en coñecemento da dirección que os postos de traballo eran irrealizábeis e que as cargas de algúns repartos eran excesivas, superando o volume de produción e tempo que se precisa para facer o coche. Isto creaba moitas dificultades, como tamén as creaba as condicións non adecuadas.

Esa situación non é nova, non apareceu na factoría da noite para a mañá.

Hai meses as centrais sindicais fixemos un traballo importante para demostrar cal era a realidade na montaxe. Fixemos estudos, levamos mandos a ver a situación... todo para demostrar as dificultades nas que os traballadores tiñan que facer o seu traballo. Mesmo se nos chegou a recoñecer pola empresa que a situación non era boa. Mais non actuou. Non aproveitou este tempo para dar solucións, senón que continuou co seu axuste de custos, recortou postos de traballo (nove na mesma liña nos últimos dous meses), non se corrixiron as altas cargas de traballo que soportan algúns postos... Ou sexa, non houbo diálogo. Non queren falar nada de crear máis postos, non queren falar de reducir esas sobrecargas, non queren falar de facer un mapa de postos que penalizan determinadas partes do corpo e procurar que ese traballo sexa menos prexudicial....

Desde a dirección de montaxe fanse algunhas accións, actuacións que axudan a paliar en parte a situación. Mais o groso, no importante, aí non se avanza, a dirección de Recursos Humanos négase a falar.

Tamén puxestes a situación en coñecemento de Inspección de Traballo

Porque isto está a provocar moitas baixas, os traballadores non soportan máis esta situación, este grao de exixencia que se lles pide xornada tras xornada. Inspección ten que actuar. Que nos fechemos no terceiro andar, onde están as instalacións de dirección da empresa, non é un paso fóra de contexto. É dicirlles que aproveiten para solucionar os problemas. Mentres o director de montaxe brindouse a vir até aquí para falar da situación, o director de Recursos Humanos, que está a 5 pasos, pasa por diante de nós e non dá nin os bos días. Iso debe ser o que entende por diálogo social.

Baixas, sobrecarga física e mental, altos rimos de traballo... é a cara B do sector da automoción, realidades do día a día na factoría que, porén, non sempre son coñecidas fóra do marco que é a planta.

Cara B? Non. É a cara A para os traballadores do sector da automoción: as cargas, os ritmos... é  a realidade que temos que afrontar todos os días. Esperemos que Recursos Humanos non bote man do sindicato maioritario, que xa sabemos todos cal é, para eludir as súas responsabilidades en todo isto, a súa responsabilidade de dialogar cos sindicatos.

Feche, en principio, indefinido...

Chegouse aquí despois de meses de traballo. Falabamos antes do traballo no taller, dos estudos. Tivemos asembleas no paro para o bocadillo, onde o persoal avalou o que defendiamos. Tamén houbo unha pequena marcha neses 15 minutos do bocadillo até onde están as oficinas do director da montaxe para visibilizar o conflito, porque parecía que non nos querían ver. Continuaba a pasividade da empresa e decidimos os tres sindicatos dar o seguinte paso con este feche. Sen que iso significa fechar o diálogo, ao contrario, pedimos que se dialogue. Se Recursos Humanos mantense nas súas pois daremos outro paso. E iremos graduando as respostas a dar. A dirección ten que entender que o que está a pasar en Citroën non é ningunha broma, que os traballadores non podemos soportar máis esta situación e hai que adoptar medidas urxentes.