DÍA DAS LIBRARÍAS

Traballar vendendo libros

Traballar vendendo libros
Irma Amado na libraría NUMAX (Arxina)
Irma Amado na libraría NUMAX (Arxina)  

As librarías seguen a formar parte do tecido comercial malia contar coa competencia directa da venda por internet. Nelas traballan persoas autónomas, na súa maioría, ou baixo contrato laboral. O seu perfil vocacional provoca casos de precariedade mais sempre hai excepcións.


O Día das Librarías é unha boa data para reflexionar sobre este sector que se resiste a perder peso na nosa sociedade. A facilidade de acceso que temos na actualidade para mercar libros a través de internet reduciu en grande medida os ingresos cos que contaba até hai pouco e obrigou a modernizarse a moitas librarías. A situación específica da Galiza mantivo un mapa de estabelecementos físicos moi espallado e que conta con recursos que diversifican a oferta contando con material de papelaría.

As librarías galegas

Segundo datos facilitados polo Observatorio da Cultura galega a través da Confederación de Gremios e Asociacións de Libreiros (CEGAL) no último Mapa de Librarías publicado en 2017, con datos de 2016, na Galiza hai un total de 402 librarías. Temos 14,8 librarías por 100.000 habitantes.

En relación á facturación podemos definir que a maior parte son pequenas ou medianas empresas. Segundo datos de 2018 do Sistema de Análise de Balances Ibéricos a media de ingresos anual situase en 361 mil euros e o número de empregadas e empregados en 3,5.

Tendo en conta os datos anteriores enténdese que o 55% das persoas titulares das librarías sexan autónomas, correspondendo o 26% a mulleres titulares.

Traballar nunha libraría

As librarías galegas non escapan ao sistema laboral que temos na actualidade e no que predominan elementos que levan a reducir salarios, incrementar horas moi por enriba do que estipulan os contratos até chegar a certa tendencia de “vivir” no propio estabelecemento. Irma Amado, responsábel da libraría NUMAX, pode contar en primeira persoa eses dous mundos que conviven nunha profesión que ten moito de vocacional. Formou parte do persoal da libraría barcelonesa La Central durante uns anos, unha experiencia que lle serviu como “escola” de aprendizaxe que sumou estudos na Escola de Llibrería da Universitat de Barcelona (UB) e a licenciatura de Filoloxía Hispánica.

Na libraría NUMAX traballan na actualidade tres persoas a xornada completa con reforzo de persoal doutras áreas da propia cooperativa

«Marchei da Libraría La Central porque estaba a desgusto a nivel laboral, foi moi duro para as traballadoras». Esa experiencia aproveitouna cando xurdiu a posibilidade de participar nun proxecto que recuperou o cine para a cidade de Compostela. «NUMAX nace un pouco polas situacións laborais previas que tivemos as persoas fundadoras, xente que veu de traballar por conta allea e xente que non tivo contratos», explica a Sermos Galiza, «foi un dos alicientes que fixo que nos decidisemos a contar ese proxecto». E a experiencia funciona. Na libraría NUMAX traballan na actualidade tres persoas a xornada completa con reforzo de persoal doutras áreas da propia cooperativa.

Crear emprego no sector con poucos beneficios

As dificultades non só económicas para a responsábel da libraría NUMAX. Conta moito como se traballa. «O que me preocupa é a súa profesionalidade». As libreiras e libreiros precisan dunha formación constante. «Teñen que estar en contacto constante con toda a canle que intervén para que sexa rendíbel, desde o editor ao distribuidor pasando polo encontro con outras librarías». Dentro deste apartado Irma Amado pensa que para acadar un bo nivel «hai que coñecer ferramentas tecnolóxicas de contabilidade, de comunicación, de administración».

Amado relaciona a situación que teñen moitas das persoas que traballan no mundo das librarías con varios problemas que sofre o sector. «A marxe de beneficio na venda de libros é ridícula», apunta, «é un negocio que require un constante movemento de obras de almacén e novidades». Explica que unha boa parte do horario ten que estar pendente do traballo de xestión como de facturas, atender provedores, «sen case tempo para poder ler, algo fundamental no meu traballo onde tes que recomendar obras e poder estar ao día para non depender das novidades dos grandes selos editoriais».

As Administracións galegas e os gremios de librarías tamén contan na análise que realiza Irma Amado. «Teñen que tomarse máis en serio o traballo das librarías, facer actividades que teñan interese e que non están facendo». Pon exemplo doutras zonas do Estado español onde ten asistido a cursos de formación. «Hai que destinar máis recursos a ese tema», sinala.

«Está moi ben ter unha carreira de filoloxía ou outra relacionada mais tamén hai que ter coñecementos específicos». Actualizarse ou morrer. «O mundo móvese moi rápido e as librarías teñen que estar aí».