A ESTABILIDADE CONVERTIDA EN UTOPÍA

O traballo precario aséntase

O traballo precario aséntase
[Imaxe: SG] En 2008, a poboación activa era de 1.320.000 persoas.
[Imaxe: SG] En 2008, a poboación activa era de 1.320.000 persoas.  
A paisaxe despois da batalla é desoladora. A dez anos do inicio da última crise do neoliberalismo, a condición precaria esténdese no mundo galego do traballo. A estabilidade convértese en utopía, os contratos temporais abranxen case a metade da masa laboral e o tan debatido inverno demográfico está directamente relacionado con este deterioro, a dicir de economistas. Eis un extracto da reportaxe publicada ao respeito no número 360 do semanario en papel Sermos Galiza.

m_3_EconomiaA turbulenta última década non pasou en balde. O que certos economistas e algúns políticos consideran superación da crise contradí os datos en frío. Así o recolle o Anuario 2019 do Foro Económico de Galiza no ensaio Retos para o emprego de calidade, redactado por Manuel Lago.

Dez anos despois de Lehman Brothers, a poboación activa é de 78.000 persoas menos: 1.242.000 fronte a un 1.320.000. Mais ao parar na letra pequena desta cifra é cando se enxerga a dimensión exacta do sucedido. 182.000 galegas e galegos cobraron en 2017 menos da metade do salario mínimo; 139.000, menos do salario mínimo; 166.000, 1,5 veces o salario mínimo. É dicir, 487.000 persoas asalariadas na Galiza ingresaron menos de 800 euros netos ao mes. Velaí o significado de precariedade no mundo do traballo.

O propio Lago, ademais de economista deputado polo grupo de En Marea no Parlamento galego, define o concepto para Sermos: “A precariedade é unha característica estrutural do mercado laboral en Galiza. É, sobre todo, a ruptura do vínculo estábel e permanente dun traballador coa empresa”. En números actuais implica que “a metade da masa traballadora galega xa está en situación de precariedade”. Porque inclúe, explica Lago, os contratos a tempo parcial non desexados, os fixos discontinuos, os fixos a tempo parcial ou a morea de persoas “que rota entre o traballo temporal e o desemprego”. O resultado? Pobreza laboral –xente que non dá vivido do seu traballo– e desigualdade, que, no ensaio citado, Lago resume nunha fotografía correspondente a 2017: 4000 individuos ingresan 660 millóns de euros, case o dobre que os 368 que ingresan 182.000. “A precariedade resulta cada vez máis estrutural”, coincide Fran Cartelle, secretario confederal de Emprego e Industria da CIG, “o aumento da temporalidade e da rotación dos contratos así o indica”.

Cartelle manexa datos segundo os que o asalariado na Galiza padece unha media de dez contratos anuais. E acentúa as consecuencias da condición precaria: baixan os salarios, as mulleres –“inaceptábel fenda salarial”, en palabras de Lago– e a mocidade son as máis afectadas, medra a sinistralidade laboral. Mais a precariedade non é unha maldición caída do ceo sobre o mundo galego do traballo. O sindicalista fala de “resultado” de leis e normas e da “falta de recursos” para a inspección.

Nas grandes empresas, a subcontratación e o “novo fenómeno” das compañías multiservizos contribúen á desestruturación e ao aumento da explotación. “Nada disto sucede só na Galiza ou no Estado, son elementos habituais en todo o capitalismo”, anota. Manuel Lago afonda na cuestión e entende que Galiza “non ten un ciclo económico diferente ao do Estado”, mais si que “lle foi peor”. A súa análise localiza ademais o intre en que a cousa comezou a se torcer. E dátaa moito antes da última e profunda crise do neoliberalismo.

[Podes ler a información íntegra no número 360 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]