O TSXG recoñece como traballado o período no que unha interina de listas foi chamada durante a baixa por maternidade

O TSXG recoñece como traballado o período no que unha interina de listas foi chamada durante a baixa por maternidade
TSXG
TSXG  

“A situación de maternidade non pode asimilarse á falta de capacidade funcional necesaria para desempeñar as funcións propias dun posto de traballo, senón que é un período de descanso que se goza por tal situación”, indica o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.


O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) decretou que o Sergas recoñeza como tempo traballado para os efectos administrativos o período durante o cal foi chamada para traballar unha muller de baixa por maternidade que estaba incluída nas listas temporais da categoría de ATS/ DUE.

O tribunal revogou así a sentenza ditada en novembro de 2018 por un Xulgado do Contencioso-Administrativo da Coruña e acolleu parcialmente o recurso interposto pola demandante contra a resolución ditada pola Xerencia de EOXI da Coruña en decembro de 2017 relacionada coa suspensión de chamamentos durante a súa baixa por maternidade.

“A situación de maternidade non pode asimilarse á falta de capacidade funcional necesaria para desempeñar as funcións propias dun posto de traballo, senón que é un período de descanso que se goza por tal situación”, indica o TSXG na resolución, na que subliña que “a discriminación existe”, pois destaca que “eliminada a situación de maternidade os servizos prestáronse e, polo tanto, deben recoñecerse como tales aínda que non se poidan prestar por atoparse a traballadora nunha situación que está protexida pola lei”.

A sala indica na resolución que o recoñecemento debe quedar limitado ao período de tempo para o que a traballadora é chamada das listas, é dicir, “o comprendido desde a data de chamamento, o día 27 de xaneiro de 2017, ata o día 3 de abril de 2017, en que se formalizou o contrato despois da baixa de maternidade”.