UN MES DE GREVE

O persoal de xustiza leva ao pé do Parlamento a súa mensaxe para o goberno galego: “Non aceptamos chantaxes”

O persoal de xustiza leva ao pé do Parlamento a súa mensaxe para o goberno galego: “Non aceptamos chantaxes”

Traballadores e traballadoras da administración de xustiza concentráronse esta terza feira diante da Cámara galega coincidindo coa comparecencia do vicepresidente,Alfonso Rueda, para falar dun paro que xa acada o mes de duración. “Cada intervención de Rueda e Feijóo é para criminalizarnos”, denuncian.


Inesgotábeis após case un mes de greve. Os traballadores e traballadoras da administración de xustiza de Galiza fan catro semanas de paro para reivindicar, reiteran, a fin da discriminación co persoal doutros territorios do Estado. Paros, concentracións, mobilizacións… toda unha serie de accións que esta terza feira se concretan nunha concentración perante o Parlamento de Galiza. O mesmo día en que Alfonso Rueda (albo das principais críticas das persoas concentradas) comparece na Cámara para falar da greve.

 

“Cada intervención de Rueda e Feijóo é para criminalizarnos”

 

“Pero que vai dicir Rueda aí dentro, que explicacións vai dar?”, pregúntase Xesús Sánchez, de CIG-Xustiza, “se nin sequera quere sentar nunha mesa a negociar”, conclúe. “Alfonso Rueda, marcha ti da Terra”, berran os manifestantes, “Conselleiro, mentireiro”, proseguen. Parece que fica ben claro quen é para eles o responsábel da situación. Nas faixas, mensaxes igual de claras: "Estamos fartos e non somos parvos. Nin un paso atrás", o mesmo que nas camisolas: "Xustiza en loita. Dignidade e Resistencia"

xustiza greve

 

“É un feche patronal, a administración é o noso patrón e négase a negociar”, critica Sergio Riveros, que acusa o goberno galego de manter un posicionamento que é contrario ao mandato do Parlamento.

 

“Fan chantaxe: dinnos que para negociar hai que abandonar a folga”, coinciden en afirmar Sánchez e Riveros. Ambos cren que desde a Xunta estase a apostar “en poñer a xente en contra nosa”. Agradecen a paciencia da cidadanía e indican que a pelota está no tellado do goberno. É o seu inmobilismo, sinalan, o que mantén a greve.

 

“Nós queremos negociar, de aí os intentos de mediación do Consello galego de relacións laborais que levamos pedindo desde o inicio”, afirma o representante da CIG.

 

Mentres, desde a Xunta non semella que estean dispostos a ceder e sentar a negociar sen máis. Pablo Valeiras, Alternativas na Xustiza-CUT, advertía xa ao inicio da greve que vía na actitude do goberno galego alguén máis interesado “en tombar a mobilización” que en “negociar e chegar a unha solución”



x