1 DE MAIO

Un de maio, unha data vixente na Galiza

Un de maio, unha data vixente na Galiza
[Imaxe: Galiza Contrainfo] Unha manifestación do 1 de Maio en Vigo
[Imaxe: Galiza Contrainfo] Unha manifestación do 1 de Maio en Vigo  

A realidade teima en manter o sentido do Primeiro de Maio: precariedade e temporalidade laboral, baixos salarios, emigración, alargamento da desigualdade, cronificación do paro de longa duración... Quen dixo que non hai razóns para o 1M? Eis un extracto da reportaxe publicada ao respecto no número 343 do semanario Sermos Galiza.


5Bea Barral, corenta anos, pontevedresa, traballou na hostalaría e na conserva. Non está afiliada a ningún sindicato (“nin se me ocorreu”) e botou dous anos no desemprego. Antes de volver ligar un choio: “Non moita cousa, a media xornada nunha xestoría, pero é o que hai”. 

“Si que vou ás manifestacións do Primeiro de Maio”, afirma, explicando que se ben non é “moito de secundar” as mobilizacións sindicais que hai ao longo do ano, nesa xornada, si. “Creo que é importante que o 1 de Maio esteamos cantos máis na rúa mellor”. E engade: “Se ese día saísemos mobilizarnos aínda que só for a metade dos traballadores, sería unha demostración de forza, cambiarían cousas seguro”.

Edelmiro Igrexas leva no desemprego máis de dous anos. Unha situación na que se atopan catro de cada dez persoas no desemprego na Galiza. 51% das e dos parados galegos son de longa duración -máis de 12 meses no desemprego-, unha taxa por riba da media europea. Ten máis de 40 anos e traballou de mecánico, oficial de segunda na construción e mesmo de condutor de autobuses. “Hei ir á manifestación, coa muller. Os dous, porque de brazos cruzados non podemos quedar”, confesa.

Máis nova é Inés, “a secas”, dependenta dunha tenda dunha das marca de Inditex onde a finais de 2017 protagonizaron unha greve impulsada pola CIG en Pontevedra que obrigou a esta multinacional a negociar. Ten pouco máis de 25 anos e está convencida de que “se non loitamos polos dereitos, non é que non avancemos é que retrocedemos”.

Memoria

Son apenas tres voces que mostran a vixencia do Primeiro de Maio na Galiza. Unha data sinalada en vermello no calendario. Día Internacional da Clase Obreira. 

A orixe do Primeiro de  Maio é abondo coñecida. En 1886 en Chicago, daquela a segunda cidade en poboación nos Estados Unidos, unha manifestación para reclamar as oito horas derivou nun masacre de sindicalistas e traballadores.

Tres anos despois, 1889, a II Internacional Socialista acordaba en París convocar anualmente unha manifestación nesta data como xornada de loita do proletariado. Embora que nalgúns sectores poida parecer polos intentos de “acomodo” un feriado máis no calendario, o Primeiro de Maio continúa a ser unha data cun poder de combate e referencialidade como poucas.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 343 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]