"Uns poucos quedan cos gaños e a nós repercútennos as perdas"

"Uns poucos quedan cos gaños e a nós repercútennos as perdas"

Máis de medio cento de persoas vencelladas á produción de carne de coello concentráronse perante a Xunta en defensa do "futuro" do sector.


As explotacións gandeiras aseguran que a situación que as atinxe é "insostíbel" após "case dous anos" vendendo a carne "uns 40 céntimos" por baixo dos custes de produción. 

Perante esta realidade concentráronse ás portas da Consellaría de Medio Rural, en Compostela, e reclamaron "un prezo xusto" que lles permita vivir do seu traballo. 

Neste senso, Andrés Múñiz, presidente de Cunigalicia asegurou que o risco de "quebra" exixe que "funcione a cadea de valor" e os prezos se estabelezan "en función da oferta e da demanda". Pola contra, na actualidade o prezo póñeno "en Madrid", "dúas ou tres persoas" que "non representan a maioría" do sector. "Agora uns poucos quedan cos gaños e a nós repercútennos as perdas", denunciou Xosé Luís Santaclara do Sindicato Labrego Galego. 

Galiza representa o 15% da produción cunícola do Estado español, o segundo territorio despois de Catalunya

Así pois, para alén dunha maior transparencia en aras de "prezos xustos" reclaman "axudas directas" para as explotacións e facilidades á hora de acceder a financiación. 

Cumpre lembrar que Galiza representa o 15% da produción cunícola do Estado español, o segundo territorio despois de Catalunya. Porén, é no que se percibe un menor importe na venda dos coellos, porén, no que se paga un maior prezo polos pensos. Isto é, fronte a uns custes de produción situados en 1,85€/kg. o prezo en orixe está por baixo do euro e medio. Unha situación que as granxas atribúen á "banalización da carne de coello nos lineais" das grandes distribuidoras que financia "coas perdas dos produtores a súa estratexia comercial"; ao "desequilibrio no poder negociador" entre os distintos elos da cadea de valor, a "atomización" das explotacións e a "ausencia de contratos nas relacións entre suministradores e receptores". 

No noso país suman 234 granxas, oitenta e catro menos que no 2009, segundo o Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras elaborado polo Ministerio español de Agricultura.