Suspendida a folga no mantemento dos estaleiros de Navantia após a readmisión dos 9 despedidos

Suspendida a folga no mantemento dos estaleiros de Navantia após a readmisión dos 9 despedidos
Protesta persoal UTE Tecman-Rayma Ferrol (CIG)
Protesta persoal UTE Tecman-Rayma Ferrol (CIG)  
A CIG supende o paro na UTE Tecman-Rayma após tres semanas de reivindicación

Tres semanas en folga tiveron que pasar para que o comité de folga conseguira que a dirección da UTE Tecman-Rayma dera marcha atrás e readmitira ao persoal despedido. O acordo, acadado esta quinta feira pola noite, implica que se incorporen ao traballo esta mesma segunda feira 14 de outubro.

Desde CIG-Industria explican que o acordo chegou "grazas a determinación e a unidade dos traballadores da UTE, que deron unha nova mostra de firmeza na defensa dos seus dereitos".

Malia o acordo sinalan desde o sindicato que a UTE "mantén o seu discurso a respecto de abandonar o contrato e só seguir prestando o servizo de mantemento durante a prórroga que agora terá que negociar con Navantia" polo que "queda por comprobar tamén que vai facer a empresa pública co contrato e en que condicións pretende sacar a nova licitación".

Insisten desde CIG-Industria que Navantia ten a obriga "de velar polo respecto do emprego e dos dereitos do seu persoal, incluído o dereito á subrogación que tanto esforzo lle custou aos traballadores e traballadoras das auxiliares conquistar".