Vence chama cómplice ao Goberno das extorsións da industria láctea sobre os gandeiros

Vence chama cómplice ao Goberno das extorsións da industria láctea sobre os gandeiros
Xavier Vence e Tereixa Paz en Lalín
Xavier Vence e Tereixa Paz en Lalín  

O portavoz nacional do BNG pediu medidas urxentes á Xunta para frear os prezos abusivos que están sufrindo os produtores en orixe.



O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, reuniuse este sábado con representantes do sector gandeiro en Lalín, afectados pola caída dos prezos do leite após a recente liberalización do sector. Vence acusou á Xunta de ser “cómplice” da situación, por permitir que a industria exerza “extorsións” sobre os produtores galegos.

“O sector está nunha situación alarmante e ao bordo da catástrofe polos prezos que impón a industria coa complicidade da Xunta e do Goberno central”, asegurou. O portavoz nacionalista manifestou que a pasividade do PP -tanto do goberno galego como dos alcaldes populares- "condena o sector a súa desaparición”.

"Están obrigados a vender moi por baixo do prezo de custo coa ameaza de non lle recoller máis leite”

Por ese motivo, Vence esixiu á Xunta que tome medidas “inmediatas” para frear os abusos da industria contra os produtores, "obrigados a vender moi por baixo do prezo de custo coa ameaza de non lle recoller máis leite”. A última denuncia apunta a 20 céntimos por litro. 

Se Galiza xa tiña os prezos máis baixos en orixe de Europa, o final das cotas lácteas levounos ao extremo. O voceiro do BNG pediu nese sentido que se aprobe “un regulamento moi claro da cadea de distribución para impedir contratos abusivos que arruínan o sector”.

Vence apostou pola “creación dunha interprofesional leiteira” que permita un proceso de negociacións en igualdade de condicións entre as partes.