O verán impulsa unha baixa do paro rexistrado a base de temporalidade

O verán impulsa unha baixa do paro rexistrado a base de temporalidade

Redúcese o desemprego en 11.863 persoas en xullo. O 94% dos contratos laborais asinados ese mes son temporais.


O verán continúa a ser época de boas noticias para os gobernos no que atinxe a datos do paro. Xuño, xullo e agosto son tradicionalmente meses agradecidos para os gobernantes en canto ás estatísticas de colocación e emprego. O pasado mes de xullo non foi unha excepción e o paro rexistrado descendeu en 11.863 persoas en Galiza (83.933 no conxunto do Estado español). O desemprego fica, pois, en 195.457 persoas, baixando da barreira dos 200.000.

Mais esa redución do paro rexistrado hai que enmarcala na estacionalidade propia do verán, época na que turismo e hostalaría tiran da ocupación para, finalizado o verán, volver boa parte dos contratados aos rexistros de desemprego. Dos 99.487 contratos laborais asinados en xullo, o 94% son temporais (93.507), levan unha data de caducidade que en moitos deles coincide coa fin do verán. Das 11.863 persoas que deixaron o desemprego o mes pasado no noso país, máis de 7.700 pertencen ao sector servizos.

A afiliación á Seguridade Social experimentou en xullo un bo comportamento, con 16.045 altas, o que supón un 1,67% de aumento a respecto do mes anterior, xuño. Curiosamente, esa cifra é practicamente identica á expoerimentada desde xullo de 2015 até agora: neses 12 meses a afiliación á S.S. Incrementou en 16.094 persoas, un 1,68%.

Miguel Malvido, da CIG, lembra que "o descenso do paro é habitual cada mes de xullo ao coincidir coa maior etapa de contratación do período estival". Considera que estas cotas de temporalidade son froito das sucesivas reformas laborais, que "só serviron para degradar aínda máis as condicións laborais e para reducir en maior medida os salarios"

Sen prestación

Os datos do Ministerio de Emprego apontan como se mantén e agrava a situación das persoas no paro que fican sen ningún tipo de prestación. Son xa case 100.000 das 195.500 desempregadas, o 51,6%.  A cifra de beneficiarios con prestacións por desemprego é de tan só 96.568 persoas. O carácter contributivo desta prestacións tamén está baixo mínimos. Hai tan só 37.615 beneficiarios de prestacións contributivas, o 39 por cento do total, lembra a UGT. Así, a taxa de cobertura é en Galiza do 50,8 por cento fronte ao 55,1 por cento do Estado. A prestación por desemprego xa é maioritariamente de carácter asistencial. A percepción media bruta das contributivas é de 772,3 euros, as contías das asistenciais non superan os 426 euros.

Este dato engádese ao recentemente ofrecido pola Enquisa de Poboación Activa (EPA), de que en Galiza hai 37.700 fogares sen ingresos. Fogares que non contan con ningún tipo de ingresos. Nin por traballo, nin por prestación, nin axudas... É a cifra máis alta da serie histórica analizada co comezo da crise, duplica os existentes en 2010. Naquel ano estaban sen ningún tipo de ingreso 17.500 fogares.