AS DENUNCIAS AUMENTAN MÁIS DUN 17%

A violencia machista no traballo

A violencia machista no traballo

O machismo ten moitas facianas. A realidade indica que a violencia sobre as mulleres atinxe todos os eidos da vida, incluído o laboral, un ámbito sobre o que apenas hai estatísticas, mais no que as denuncias aumentaron máis dun 17% no último ano. Eis un extracto da reportaxe publicada ao respecto no número 323 de Sermos Galiza.


5Lonxe de diminuír, a violencia sobre as mulleres, en calquera das súas formas, aumenta co paso dos anos. Así o poñen de manifesto as estatísticas, que, por outra parte, debuxan un panorama irreal, pois non todas as manifestacións do machismo están rexistradas ou, no mellor dos casos, poucas veces reflicten as situacións nas que abrolla.

Ás portas da conmemoración do Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres e case sete meses despois da histórica mobilización do feminismo, a realidade é que poucos avances se teñen producido. Medra, si, a sensibilización social ao respecto, mais tamén é certo que os mecanismos que han de artellar as institucións para pórlle freo á violencia sobre as mulleres son insuficientes.

Os datos falan por si mesmos: a Fiscalía eleva a máis de 6.000 as mulleres galegas que o ano pasado sufriron a violencia machista, isto é, 16 cada día. Aínda máis: no primeiro trimestre deste 2018 perto de 1.400 mulleres foron vítimas desta lacra. “É unha barbaridade”, láiase a secretaria de Mulleres da CIG, Margarida Corral, quen engade, en declaracións a Sermos Galiza, que “nos últimos quince anos, máis de medio cento de mulleres foron asasinadas polas súas parellas ou ex parellas na Galiza. Son cifras dunha violencia que non deixa de aumentar”. Así, lembra a responsábel de Igualdade, Xuventude e Movementos Sociais de UXT-Galiza, Mónica Fernández, “non é que non se reduzan, senón que as denuncias están incrementándose; en 2017 rexistráronse 6.463, polas 4.788 de 2012 e as 5.683 de 2016. Hai que remarcar que estes datos non inclúen todas as violencias machistas existentes –laboral, sexual, institucional etc–”. “Nin tampouco”, agrega Carmen Sabio, secretaria de Muller, Igualdade e Migracións de CCOO, “a violencia física ou sexual contra as mulleres fóra do ámbito da parella, exercida por outras persoas coñecidas ou non que, malia a súa dramática prevalencia, non aparece nas estatísticas”.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 323 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]



x