Vulcano tampouco ten éxito no Parlamento

Vulcano tampouco ten éxito no Parlamento
[Imaxe: GEC] Paula Quinteiro.
[Imaxe: GEC] Paula Quinteiro.  
O goberno despacha as preguntas da oposición sobre o futuro da empresa con respostas vagas pero subliña o seu “máximo” compromiso co emprego, co naval e co futuro da industria do país.

A factoría Vulcano está en liquidación desde o verán, 69 traballadores foron sometidos a un ERE de extinción e o director do Igape, Juan Manuel Cividanes, di que non pode garantir que vaia aparecer un inversor nin moito menos que os traballadores despedidos poidan recuperar (todos) un emprego no caso de que alguén garantise a continuidade da actividade naval na factoría.

Cividanes, que é de Vigo e ben da canteira de Xesgalicia, compareceu a preguntas da oposición na Comisión de Economía do Parlamento esta terza feira -un monográfico sobre o deserto industrial- e dixo que o de Vulcano é a excepción “dentro do momento doce que vive o sector con carga de traballo en todos os estaleiros”. A deputada socialista Patricia Vilán preguntoulle por que Vulcano fica á marxe dese “momento doce”, pero o director do Igape non foi quen de explicalo.

“Até o de agora o naval vivía da propaganda. Anunciábanse contratacións pero ninguén reparaba nas horas de traballo que ían supoñer”, queixábase a semana pasada un veterano do naval vigués. 

A deputada Paula Quinteiro, dos comúns, díxolle a Cividanes que non vaia ser que os terreos de Vulcano caian pasto dos especuladores, porque o Porto de Vigo xa foi soltando a idea. E Vidán incidiu nas contradicións do discurso do goberno da Xunta, que antes do verán desbotaba a continuidade de Vulcano e agora di que hai posibilidades (o conselleiro do ramo a semana pasada) mentres Cividanes confesou na comisión que “non lle consta” que haxa interesados.

A Xunta asegura que está “falando con todos” pero insiste en que a liquidación “foi unha decisión empresarial” e agora será o administrador concursal quen “debe preparar o plan e decidir se hai unha solución dentro da actividade que tiña a empresa”. 

“O compromiso ten que ir máis alá do discurso, e os feitos son os feitos”, interveu Quintero. “Cando lles interesa saír nos titulares ben claro que falan, e un mes despois xa están desdicíndose”.

Cividanes leu as cifras nun papel: 40.000 empregos no naval e auxiliares, un 20% máis que no 2014; o 50% do negocio estatal da eólica off shore en estaleiros galegos, a segunda carteira máis importante da UE despois da holandesa. Mentres, esta mesma mañá, en Vigo, os traballadores continuaban as súas entrevistas con partidos falando co Bloque.