10M: GREVE DE FAME EN POVISA

"A Xunta estase a lavar as mans co que acontece en Povisa"

"A Xunta estase a lavar as mans co que acontece en Povisa"
María Xesús Neira [Imaxe CIG]
María Xesús Neira [Imaxe CIG]  

Tres representantes do comité de empresa encetan esta terza feira unha folga de fame indefinida contra os despedimentos anunciados. Denuncian "chantaxes" por parte da dirección do centro hospitalario perante a negociación dun novo convenio colectivo. 


É unha medida que cualifican como "moi dura" mais tamén como "a única alternativa que nos queda" perante o despedimento de 13 persoas. Tres representantes do comité de empresa do centro hospitalario vigués comezan este 10 de marzo unha greve indefinida marcada polo xexún. A situación "insostíbel" que atinxe o persoal hospitalario, asegura María Xesús Neira (CIG), presidenta do comité de empresa e unha das persoas que enceta a folga de fame, sitúase no cerne das súas reivindicacións. Demandan a readmisión das traballadoras e traballadores despedidos e un cambio de rumo na política da empresa marcada polas "chantaxes" e "ameazas". 

Desde o comité de empresa apuntan tamén cara á Consellaría de Sanidade pois, denuncian, estanse a "lavar as mans" perante un conflito que evidencia o incumprimento do concerto asinado entre Povisa e a Xunta. Con representantes do goberno galego reunirase esta cuarta feira.

Após os despedimentos, denuncian, Povisa "non cumpre cos estándares de calidade e persoal" que a Xunta lle exixe para manter o concerto

Comezades unha folga de fame indefinida, cales son as razóns?
Por todo o que leva acontecendo desde hai anos en Povisa. Mudanzas continuas nas condicións de traballo, máis de 60 persoas despedidas, un ERE presentado que finalmente non lles saíu e agora o anuncio de 13 novos despidos. A situación do persoal é insostíbel, con xornadas reducidas, mudanzas nas quendas e horarios que impiden conciliar a vida laboral e familiar, ameazas constantes de despedimento... Coa folga queremos denunciar todo isto mais tamén que hai unha sentenza do Tribunal Supremo referida ás quendas, de hai 3 anos, que non se está a aplicar. Aliás, desde a Consellaría de Sanidade están a pasar de todo e en Inspección de Traballo, aínda que nos dan a razón nalgunhas cousas, non fan nada perante os incumprimentos da empresa. 

Após anunciaren desde a dirección do hospital a retirada do ERE asegurástedes que habería despedimentos e que esta estratexia era unha medida de presión perante a negociación do novo convenio...
A empresa leva anos querendo un convenio colectivo novo para persoal novo e fixo. Nós xa dixemos que non o imos aceptar. Unha semana despois da retirada do ERE viñeron os 13 despedimentos. É a súa forma de actuar. 

"A empresa leva anos querendo un convenio colectivo novo para persoal novo e fixo"

Así as cousas, a Xunta asinou un concerto con Povisa que lle outorga 75 millóns de euros ao ano durante unha década...
O que está a facer Povisa incumpre ese concerto pois di que a empresa terá que rexerse polos estándares de calidade e persoal da sanidade pública e iso non está a acontece. No hospital Xeral, con só 50 camas máis, na quenda de noite traballan 16 celadores, na de tarde 24 e na de mañá 36, mentres que após os despidos en Povisa na de noite haberá unicamente 2, de tarde serán 6 e de mañá 8. A Xunta estase a lavar as mans e non foi até anunciarmos a folga que nos chamaron para axendar unha xuntanza que será a cuarta feira (11 de marzo). 

E Povisa?
Coa empresa solicitamos reunirnos e dixemos que estamos dispostos a negociar mais que non aceptaremos chantaxes nen un convenio colectivo novo que pase por peores condicións laborais para o persoal. 

"Estamos dispostos a negociar mais non aceptaremos chantaxes nen un convenio que pase por peores condicións laborais"

Denunciaches ameazas...
Fai un ano enviáronme un escrito pedíndome que me retractase das declaracións que tiña feito nos medios de comunicación a respecto das condicións asistenciais en Povisa ou que, do contrario, se me abriría un expediente. Non o fixen e logo de amosaren todos os meus compañeiros do comité e o persoal do centro o seu apoio, a cousa ficou aí. Un ano despois cando comezaron as negociacións lembráronme as miñas declaracións. O que dicimos é certo, a calidade da asistencia non é boa. 

Cal é a situación que padecen @s doentes por mor da falta de persoal?
Hai determinadas faixas horarias como das 8:00 ás 9:00 da mañá en que os pacientes teñen que agardar para saír da ambulancia e entrar no hospital. Tamén nos distintos andares onde teñen que agardar para os moveren na cama ou hai que traer celadores duns andares a outros para facelo. Isto é o que acontece todos os días.