Zara condenada por despedir unha traballadora que denunciou após encadear 57 contratos temporais

Zara condenada por despedir unha traballadora que denunciou após encadear 57 contratos temporais
UXT Zara
UXT Zara  

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza condena a empresa a readmitir ou indemnizar esta traballadora, que estaba empregada en tendas de Santiago de Compostela.


Inditex terá que readmitir ou indemnizar unha traballadora de Zara en Santiago de Compostela á que despediu de forma improcedente após de que esta acumulara máis de dous anos encadeando contratos temporais. Así o recolle Economía Digital, que indica que esta empregada chegou a encadear até 57 contratos temporais (28 deles en 2 meses a través de ETTs) mentres traballaba na tenda desta firma na área comercial das Cancelas, na capital galega.

Esta traballadora ficou á marxe dos 37 contratos temporais que Inditex convirteu en indefinidos após o proceso de regularización instado por UXT e despois por Inspección de Traballo. Entón, a empregada decidiu ir a un acto de conciliación no SMAC, que finalizou sen acordo polo que o tema chegou aos tribunais, onde pediu que se recoñecese o seu despedimento como improcedente.

Esta emprega, informa Economía Digital, chegou incluso acusar Zara de discriminación mais o TSXG desestimou ese extremo.

Non é o primeiro revés xudicial de Inditex en cuestións de contratación laboral. A finais de 2018 publicábase que cinco sentenzas xudiciais condenaban Zara por despedimento improcedente e fraude na contratación na Coruña. A orixe deste caso estivo na reclamación de que certos contratos eventuais, que UXT reputaba como "fraudulentos", se tornasen en indefinidos. Unha situación que puxeron en coñecemento da propia empresa que, aseguran, “non quixo negociar”.

A mediados de 2017 denunciaron estas irregularidades perante Inspección de Traballo que, a inicios de 2018, insta a Zara a transformar 38 contratos eventuais en indefinidos. “A empresa, após o requeremento de Inspección, comezou a finalizar contratos que estaban en fraude para evitar transformalos en indefinidos”, explica UXT, que cualifica de “rastrera” esta actuación. O sindicato animou as traballadoras a denunciar.