De Zara a Gadis ou a AP-9: unha rebelión contra o autocobro

De Zara a Gadis ou a AP-9: unha rebelión contra o autocobro
[Imaxe: Shutterstock] Máquina de autocobro.
[Imaxe: Shutterstock] Máquina de autocobro.  

“Por favor, pague nas caixas de sempre, non nas de autocobro”. A apelación das traballadoras de Lefties e Zara á clientela é unha chamada de alerta sobre un proceso que se estende por Galiza, de supermercados a autoestradas, de comercios a gasolineiras; e con consecuencias no emprego e condicións laborais. 


4As caixas e cabinas de autocobro “non se poñen enfermas, non fan greve, non fican grávidas e sempre son puntuais”. É de agradecer a Ed Rensi, ex director executivo de McDonalds, a honestidade nesta súa frase coa que xustificou que a compañía reemprazase persoal por pantallas táctiles en 14.000 locais dos Estados Unidos. Un proceso que iniciou en 500 locais de Florida, e no medio dun importante conflito laboral, con milleiros de traballadoras e traballadores da cadea mobilizándose por un salario digno.

A substitución de persoas empregadas por máquinas autocobro xa se estende por Galiza desde hai uns anos. Daquelas primeiras gasolineiras de autoservizo e cabinas de autopago na autoestrada ás caixas de autocobro en supermercados, tendas e comercios. “É vergoñento e indignante que unha multinacional como Inditex, que obtén miles de millóns de euros de beneficios, estea a poñer máquinas para suplantar as traballadoras”, manifesta en conversa con Sermos Galiza Carmiña Naveiro, delegada da CIG en Lefties. De feito, son as tendas desta marca e de Zara no centro comercial Marineda City da Coruña, un dos máis grandes no Estado e banco de probas de Inditex, das primeiras en instalar este servizo de autopago: 7 caixas en Zara e 11 en Lefties. “É un primeiro paso, se non o remediamos en breve estenderase por todas as tendas de Galiza”, vaticina Naveiro.

En xullo de 2013 Gadisa instalou caixas de autopago nalgúns dos seus supermercados para que a clientela pague sen necesidade de recorrer ás caixas. “Daquela xa nos mobilizamos contra esas máquinas e o que traían con elas”, lembra en conversa con este semanario Manuel Varela, delegado do sindicato nacionalista en Gadis. Iso que traían con elas era menos persoal: “Ten en conta que cada unha delas elimina dous traballos, polas quendas que cobre”. Varela di que actualmente en Compostela xa hai tres supermercados de Gadis con caixas de autopago.
 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 316 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]



x