Miguelanxo Prado publica "Ardalén", a novela gráfica das memorias

Miguelanxo Prado publica "Ardalén", a novela gráfica das memorias
Detalle da portada de "Ardalén"
Detalle da portada de "Ardalén"  
Ardalén é unha das novidades editoriais máis agardadas da tempada. Da man de El Patito Editorial chega a nova novela gráfica de Miguelanxo Prado, unha historia arredor da memoria e que está a recibir os parabéns dunha crítica que a presenta como unha das obras máis sólidas do autor.

Tres anos leva Miguelanxo Prado traballando en Ardalén, a súa nova novela gráfica que desde hai unha semana ten un lugar de privilexio nos andeis de actualidade editorial nas librarías. Mália iso, a historia naceu moito antes, arredor de hai dez anos, antes mesmo de que o autor comezara a crear De profundis, o libro que levaría á pantalla.

En Ardalén, a memoria, as memorias, son protagonistas. A memoria biolóxica do vello ao que lle van faltando os datos, a procura da memoria familiar e a identidade por parte da protagonista, a memoria social da emigración e tamén a memoria da represión, artelladas todas nunha historia compacta coa que se constrúe a nova novela gráfica do noso autor de cómic máis internacional. De partida, Ardalén contará con sete edicións noutras tantas linguas, como adoita acontecer coa produción editorial da máis relevante figura da banda deseñada galega.

“Trátase do máis maduradamente galego dos meus libros, onde todo está máis asumido, maís naturalizado”, comenta o autor dunha novela que ten como escenario unha aldea da montaña de Lugo e unha historia de emigración como eixo da trama narrativa. A realidade -amparada en datos e documentos históricos- mestúrase coa fantasía, achegándose como nunca ao realismo fantástico de orixe galega do que o Miguelanxo Prado bebe, nomeadamente na figura de Álvaro Cunqueiro.

El Patito Editorial, dirixida por Genma Sesar e o debuxante Fausto Isorna, publica esta nova obra de Miguelanxo Prado ao tempo que sae a súa edición en español e diante das outras edicións do autor. Consegue, desta maneira, introducir no mercado a obra en galego ao tempo que sae noutras linguas habituais na produción editorial das obras do autor. Trátase do quinto en galego do autor que se publica na colección que o selo abriu para traer para a nosa lingua a obra completa de Miguelanxo Prado e que até agora deu títulos como Stratos, Os compañeiros. A Orde da Pedra, De Profundis e, recentemente, Trazos de Xiz.

(Entrevista con Miguelanxo Prado no número 25 de Sermos Galiza)