Imprimir

Pemex deixa a Feijóo en cirolas

X.M.P | 28 de setembro de 2012

Pemex apunta a que non hai contrato definitivo en firme para construír 2 floteis na Galiza e un dos conselleiros da multinacional recoñece que a Xunta empregou o anuncio en precampaña para beneficiar o PP. A gran baza electoral de Feijóo na precampaña, baixo a dúbida

Hai apenas 10 días, Núñez Feijóo comparecía perante os medios de comunicación para anunciar que Pemex (a multinacional mexicana da cal levaba meses decindo que ía construír parte da súa frota na Galiza, o que ía ser a salvación do naval galego) chegara a un acordo para facer en Navantia e Barreras cadanseu buque hotel. A maquinaria da Xunta e do PP (a propia Xunta electoral criticou o tempo e forma do anuncio do acordo) púxose a funcionar ao unísino para presentar a Núñez Feijóo como o gran conseguidor de carga de traballo para os estaleiros e o responsábel de que se fosen xerar 3.000 empregos no sector para facer os floteis. Unha cifra que os propios comités de empresa desmentiron con datos na man para rebaixala a como moito un terzo.

Pois ben, Pemex informou, a través das redes sociais, que, textualmente, "non hai ningún contrato asinado con estaleiros galegos". Unha nova que xerou un intenso debate e un regueiro de críticas nas redes, levando a empresa paraestatal a retirar o twitter que contiña ese enunciado. A treboada nas redes foi tal que o propio PP, e tamén polo twitter, neste caso o de Núñez Feijóo, sinalaba que si que había acordo para facer eses buques en estaleiros galegos.

Horas despois, a multinacional sinalaba que si que había uns contratos, mais incidindo na existencia dos mesmos de "cláusulas suspensivas" a aplicar en caso de que non lle convenza a oferta das factorías galegas.

"A Xunta usouno politicamente para impulsar o Partido Popular"

Mais o desmentido de Pemex non foi o único problema para a Xunta nestas últimas horas. Flavio Ruiz, conselleiro da paratestal, afirmou nunha entrevista nun medio mexicano que "o anuncio dos flotantes caeu en tempos electorais na Galiza, e entón a Xunta o usou politicamente para impulsar o Partido Popular, mais non hai un compromiso de Pemex”. A declaración implica unha carga de profundidade para o goberno de Feijóo, pois un directivo da multinacional vén de recoñecer que todo se enmarca nunha estratexia puramente electoral, e non nos intereses e necesidades dun sector, o naval, que na Galiza emprega ducias de milleiros de persoas.

Ruiz sinalaba que o que hai cos estaleiros da Galiza é "un acordo estabelecido como posíbeis proveedores dunha futura licitación". Afirmación que apunta a liña xa sinalada pola empresa que o que hai son unha serie de ofertas (de estaleiros galegos e doutros países) que van ser estudadas para elexir "as máis competitivas".

Non habería, logo, acordo en firme senón uns contratos con cláusulas suspensivas que poden ser aplicadas en caso de non ver a paraestatal satisfeitas as súas demandas ou espectativas.

O anuncio de Feijóo xerou unha treboada política en México

O anuncio de Pemex e as declaracións de Flavio Ruíz prodúcense tras uns días de forte polémica nos medios de comunicación e política en México por mor do anuncio de Núñez Feijóo de que a multinacional ía construír 2 buques na Galiza.

Así, varios membros do consello de administración sinalaban que se descoñecía o contido do acordo e que o mesmo foi adoptado sen o coñecemento do consello, para alén de se preguntar como ían financiar ese encargo.

Ao tempo, desde o Partido Revolucionario Institucional exixíase no Senado a Pemex (que conta con participación pública) que explicase se existía ese acordo, quen o autorizou e o contido do mesmo.

Filial

Na Xunta de Galiza sinalan que PMI, filial de Pemex, asinou contratos “plenamente válidos” cos estaleiros galegos. Mais, e como salientaron nestas últimas horas conselleiros de Pemex, PMI o que está é nun proceso competitivo para recabar ofertas, escollendo despois Pemex a que considere máis acaída.

Diversos medios mexicanos, como La Jornada, recollen que Pemex non ten un contrato formal para construir os buques na Galiza

 

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/economia/-o-anuncio-dos-flotantes/20120928101122005628.html


© 2019 Sermos Galiza