Imprimir

"Tereixa Navaza, a voz da liberdade" revisita a traxectoria da xornalista

Redacción | 07 de outubro de 2012

Tereixa Navaza
Tereixa Navaza
A retransmisión da traída dos restos de Castelao forma parte da historia da televisión na Galiza, a muller que lle puxo voz e palabra tamén. Con Tereixa Navaza, a voz da liberdade, a Comisión de Igualdade homenaxea á xornalista e rememora a súa traxectoria nunha xornada que terá lugar o 25 de outubro no Consello da Cultura Galega.

A xornada de homenaxe e recoñecemento á traxectoria profesional de Tereixa Navaza terá lugar o día 25 de outubro no Consello da Cultura Galega e comezará cunha conferencia inaugural de quen fose director de TVE en Galiza, Manuel Lombao Lombao, arredor da xornalista e os inicios da televisión na Galiza. Ao longo de todo o día revisarase a figura e a biografía profesional e social de Tereixa Navaza cun programa en que destaca a entrevista á propia xornalista que lle fará o escritor Manuel Rivas e a mesa redonda en que se darán cita, canda a protagonista, tres mulleres da primeira xeración de comunicadoras profesionais: María Xosé Porteiro, Concha Pino e Tonina Gay Parga. Ademais de varias intervencións arredor do traballo xornalístico de Navaza e da historia e o presente das mulleres na comunicación, na xornada proxectarase o audiovisual Tereixa Navaza producido polas Candongas do Quirombo, Andrea Nunes Brións e Raquel Rei Branco.

Se hai unha persoa que remite aos inicios da televisión pública en Galiza esa é a de Tereixa Navaza. Presentadora do Panorama de Galicia do centro territorial da Televisión española, a súa voz e a súa cara convertéronse nunha das máis populares dos medios de comunicación, un icono da retransmisión de noticias e unha das persoas máis coñecidas do país. Tereixa Navaza é unha pioneira na radio e televisión galega, un dos primeiros nomes femininos que entraron nas redaccións do mundo audiovisual e iniciadora tamén da historia da televisión en Galiza.

Con menos de vinte anos entra como locutora en Radio Galicia Ser, situada entón na Praza da Universidade de Compostela e, desde entón, ocuparía un espazo destacado no mundo da comunicación, un ámbito especialmente dominado por homes. En 1973 entra da man de Luís Mariñas na Televisión española en Galicia comezando unha longa andaina como presentadora de informativos, a imaxe das noticias de Galiza na daquela canle única. Ao tempo, Tereixa Navaza signifícase como activista no movemento feminista e imaxe colaboradora en multitude de causas de reivindicación social e política. Alén do xornalismo na radio e televisión, a súa sinatura aparece en numerosos artigos de opinión e entrevistas en medios diarios como El Correo Gallego ou La Voz de Galicia, no semanario A Nosa Terra ou en publicacións como Andaina, revista feminista en que aparecerán numerosos artigos da súa autoría arredor do movemento que loita polos dereitos das mullers onde partilla desde nova. En todas elas, a xornalista desenvolve un traballo monolingüe en galego e visita de maneira especial o xénero da opinión e a entrevista, ámbito máis pegado ao xornalismo audiovisual.

Un fito na súa traxectoria aconteceu en 1984 cando foi a encargada de retransmitir a chegada dos restos de Castelao a Galiza, poñéndolle voz ás imaxes que conducían o féretro desde Lavacolla até San Domingos de Bonaval cando, saltando calquera guión, denunciou a carga policial contra os manifestantes. Pouco despois, o director de TVE en Galiza, Xosé Alenxandre Cribeiro é cesado do seu posto.

En 1985, Tereixa Navaza é apartada da presentación do Telexornal, despois de ler o comunicado nunha manifestación en Defensa do Sector Naval. A censura sobre unha das xornalistas máis coñecidas e queridas da comunicación en Galiza provocou un sinfín de pronunciamentos desde a profesión e o mundo da cultura alén de manifestacións a prol da liberdade de expresión.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cultura/-tereixa-navaza-a-voz-da-liberdade-revisita-a-traxectoria-da-xornalista/20121007182620006037.html


© 2019 Sermos Galiza