Imprimir

10-N: Poucas caras novas e poucos escanos abertos na Galiza

Redacción | 08 de outubro de 2019

Ana Pastor con Raxoi, en Mos, antes dun mitin a pasada primavera. [María Vázquez, EP]
Ana Pastor con Raxoi, en Mos, antes dun mitin a pasada primavera. [María Vázquez, EP]
Seis formacións políticas competirán polas 23 cadeiras no Congreso que se distribuirán nas catro circunscricións galegas o 10-N. Os partidos apenas introduciron cambios e a maioría das cabeza de lista repiten respecto aos comicios do pasado 28 de abril. Segundo as proxeccións das enquisas, as posibilidades de que mude a asignación de escanos redúcese a dúas circunscricións e tres ou catro cadeiras. 

A continuidade no PP só se viu alterada pola designación de Ana Pastor como número 2 da lista de Casado por Madrid. A ex ministra de Fomento e ex presidenta do Congreso tiña garantido o escano por Pontevedra -levaba sendo candidata desde o 2000, en tempos de Aznar-, mais o líder decidiu distinguila e desprazou un posto Suárez Illana. Ademais, Pastor, que segue no albo das vítimas do Alvia, ficará máis protexida despois de terse visto moi exposta durante a comisión de investigación do accidente no Parlamento.

O PSOE presentará ás mesmas catro mulleres como cabezas de lista que presentou en abril. Pilar Cancela, tamén participante da comisión do Alvia de onde tampouco sae ben parada, segue pola Coruña, circunscrición na que se librará unha batalla clave para moitas formacións.

O 28 de abril, as votacións concederon representación pola Coruña a catro partidos (PSOE, 4; PP, 3; En Común, 1; e C’s, 1). Agora tanto o BNG como Más País, a plataforma para o regreso de Errejón á política estatal, deitarán recursos e ilusións nesa circunscrición para conseguir o seu deputado (Néstor Rego, polo BNG) ou deputada (Carolina Bescansa, Más País).

A outra batalla estará en Pontevedra, circunscrición na que repiten como cabezas de lista Olga Alonso (PSOE), Yolanda Díaz (Galicia En Común), Carme Da Silva (BNG) e Beatriz María Pino (C’s). Aquí, María Ramallo, alcaldesa de Marín, substitúe Ana Pastor, e aparece Daniel Liceras por Más País.

Alternativas en Pontevedra e na Coruña

En Pontevedra, o PP buscará recuperar a terceira cadeira (e sentar xunto a Ramallo e Diego Gago, a Javier Bas, ex alcalde de Redondela). En abril quedou a 13.000 votos do PSOE e a 15.000 de C’s. O anunciado afundimento de Ciudadanos parece a hipótese máis favorábel aos populares, que competirán por recuperar terreo perdido respecto dos socialistas (7 puntos menos en abril cando en xuño de 2016 mantiña unha vantaxe de 17 puntos). Polo de agora, as contas danlle a Yolanda Díaz, á espera de como inflúa no electorado de Podemos a aparición de Daniel Liceras, un perfil en calquera caso moi baixo en relación a Bescansa. 

Na Coruña, cunha acta máis en xogo, ademais de Bescansa, a novidade é María Vila, que asume o liderado de C’s toda vez que Marta Rivera, elixida en abril, topou acomodo no goberno de Díaz Ayuso na Comunidade de Madrid. Aquí a sétima e a oitava acta en abril xogáronse nunha marxe ben estreita: o PSOE sumou o seu terceiro escano cun resto de 70.888 votos; o PP, tamén o terceiro, con 57.599 sufraxios, e os restos seguintes foron 53.166 (PSOE), 50.009 (En Común Podemos) e 45.095 (BNG). Con Carolina Bescansa tamén en competición, o abano amplíase. Mais unha alta abstención será a primeira ameaza a combater polas candidaturas minoritarias.

Augas axitadas

Entras as candidatas, Antón Gómez-Reino, o secretario xeral de Podemos na Galiza, é das que máis poñen en xogo: a consolidación dunha estrutura de Podemos no país e a segunda volta do combate que mantivera con Bescansa polo liderado galego. A súa compañeira no Congreso, Yolanda Díaz, cada vez máis orientada cara Podemos e menos referente de Esquerda Unida, inicia outra reválida en Pontevedra. Parece que Gómez-Reino tería mellor acomodo na política galega que ela.

Cando a retirada de Anova e da En Marea de Villares da competición resumía as opcións no autodenominado espazo rupturista, a aparición de Más País volve axitar as augas con dimisións internas na estrutura de Podemos e incerteza sobre a cohesión do grupo parlamentar.

Calma interna

No PP e no PSOE non hai batallas internas latentes. Feixoo asume as necesidades de Casado e o aparato socialista permanece unido co vento de cola. Mentres, o BNG sube a aposta nas circunscricións de Lugo e Ourense coas incorporacións de Olalla Rodil e Francisco García. A vice portavoz parlamentaria e o ex alcalde de Allariz aparecen para mellorar as expectativas electorais das nacionalistas cara ás galegas de 2020.

En Lugo e en Ourense o reparto de escanos nas estatais do 10-N está escrito. David Bruzos, que en decembro de 2015 subido á onda de Pablo Iglesias fora quen de rachar o reparto bipartidista en Ourense, volve á primeira liña apenas un ano despois da súa derrota contra Villares na disputa polo poder dentro de En Marea. En Lugo e en Ourense faltará un dos actores: Más País, que di que non comparece para non dividir o voto da esquerda, o que equivale nestes casos a non restar votos o PSOE.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/politica/10-n-poucas-caras-novas-poucos-escanos-abertos-galiza/20191008121159084899.html


© 2019 Sermos Galiza