Imprimir

12% do territorio galego está en risco de desertización

Redacción | 17 de xuño de 2019

Galiza perde anualmente 42 millóns de toneladas de solo pola erosión, denuncia Adega. Advírteo con motivo do Día Mundial de Loita contra a Desertización do Solo, que se celebra esta segunda feira. 

A desertización do solo é unha problemática da que Galiza non está exenta. Lémbranolo Adega con motivo do Día Internacional de Loita contra esta realidade, que nos últimos anos avanza cada vez máis. No territorio galego pérdense anualmente case 42 millóns de toneladas de solo debido á erosión, afirma a Asociación Ecolóxica para a Defensa da Galiza. Segundo o Inventario Nacional de Erosión de Solos (INES) pérdense cada ano un total de 14,5 toneladas por hectáreas de solo debido a procesos erosivos, afectando a unhas 2.880.817 hectáreas. “Esta superficie fai un cómputo total de 41.695.509 toneladas de solo erosionado anualmente no país”.

A isto engádese que 12% do territorio galego sofre risco de desertización causado por estes procesos erosivos. “Os incendios forestais, os monocultivos, a agricultura e a gandaría intensiva, as explotacións domésticas, o  urbanismo e a ocupación do litoral, a minaría, e en xeral os cambios nos usos de solo, provocan a perda da cobertura vexetal”, explican os e as ambientalistas. Estas actuacións, unidas aos períodos de maior seca e ás mudanzas no réxime de precipitacións debido ao cambio climático, fan que a erosión e a desertización sexan “un problema medioambiental de primeira magnitude na Galiza”.

A conservación do bosque autóctono e a loita contra os incendios forestais, contrapoñen, terían que ser as accións principais para a conservación e protección do solo

Os solos albergan unha cuarta parte da biodiversidade do planeta, afirma Adega. Constitúen un reservorio de biodiversidade que conforma un ecosistema complexo que achega numerosos servizos ecosistémicos necesarios para a vida. “O solo é a base para a produción de alimentos saudábeis, e é capaz tamén de almacenar e filtrar a auga. Ademais, o solo é, despois dos océanos, o segundo sumidoiro de carbono polo seu importante papel nos ciclos bioxeoquímicos”.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/12-do-territorio-galego-risco-desertizacion/20190617120054080887.html


© 2019 Sermos Galiza