Imprimir

As e os 19 de Meirás comemoran o primeiro aniversario da súa acción simbólica

X.M. | 30 de agosto de 2018

Un ano despois, as e os 19 de Meirás —colectivo que agrupa activistas pola memoria histórica e dirixentes do BNG— voltaron ao lugar en que protagonizaron un acto simbólico —o despregamento de faixas sobre o Pazo de Meirás coa lenda Franquismo Nunca Máis. Fixéron para patentizar que a súa principal reivindicación —a restitución deste ben ao patrimonio público— está aínda por se materializar. Fixérono nas vésperas de declarar en sede xudicial após seren denunciados pola familia do ditador, que lles piden penas que sumarían até 247 anos de prisión.

A presión do movimento da sociedade galega a prol da restitución dos bens espoliados por Franco e a súa familia non foi en van. Primeiro porque durante estes doce meses a conciencia social sobre o asunto foi claramente a máis. Segundo porque, froito do impulso desde abaixo, o Goberno do PSOE tomou nota e puxo en marcha o proceso de exhumación e traslado dos restos mortais do ditador do Val dos Caídos. Esa decisión está ben, opinan as e os activistas agrupados no colectivo as e os 19 de Meirás, máis é insuficiente se non se completa con outras, nomeadamente con accións que visen a restitución do patrimonio roubado polo tirano, a comezar polo Pazo de Meirás.

 

E para mostrar que o expediente non se resolve simplesmente con tirar do Val dos Caídos o cadáver do xeneral xenocida, as e os 19 de Meirás voltaron esta quinta feira ao lugar dos feitos que o pasado agosto de 2017 atinxiron non pouca repercusión mediática: a acción simbólica consistente en tomar civicamente o pazo —nun día aberto ás visitas do público— para despregaren sobre os seus muros dúas faixas co lema O Pazo é do Pobo Galego. Franquismo Nunca Máis.

 

Os 19 de Meirás —que estiveron arroupados por simpatizantes, e tamén polo candidato do BNG á alcaldía da Coruña, Francisco Jorquera— fotografáronse cunha bandeira da patria co Pazo de Meirás como pano de fundo e concederon declaracións á imprensa. Fíxoas o seu portavoz, Anxo Louzao, ex secretario nacional da CIG Ensino. "Un ano despois, queremos manifestar que nos reafirmamos nesta acción simbólica e pacífica que xa conseguiu un dos seus obxectivos: reactivar o debate social e político sobre a recuperación do Pazo, metelo na axenda política galega e obrigar as institucións públicas a se manifestar ao respecto", afirmou. "Se hoxe se fala tanto de Meirás, da Casa Cornide, das estatuas de Abraham e Isaac é grazas a accións como esta, o que demostra a súa utilidade e necesidade", alegou.

 

No entanto, Louzao puxo en destaque que aínda está pendente de se alcanzar o propósito final da acción, isto é, "a devolución ao pobo galego do Pazo de Meirás". 


 "Non pararemos até conseguilo. É necesario e é posíbel, porque é exclusivamente, unha cuestión de vontade política. Se hai vontade política de facelo, pódese facer. Non só no 'Valle dos caídos' (que tamén) senón para devolverlle ao pobo galego o patrimonio que lle foi espoliado por unha atroz ditadura” , remachou.


Canto á denuncia que pende sobre as e os integrantes do colectivo, Louzao cualificouna de "barbaridade do punto de vista tanto político como xurídico". "Mais unha vez, estase a tentar criminalizar o exercicio do dereito democrático á liberdade de expresión, un feito que consideramos en si grave e inadmisíbel", dixo, ao tempo que voltou a demandar a ilegalización da Fundación Francisco Franco, unha entidade que "non debería existir e menos aínda ser receptora de subvencións públicas do Estado".

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/memoria/19-meiras-comemoran-primeiro-aniversario-da-sua-accion-simbolica/20180830125211071740.html


© 2019 Sermos Galiza