Imprimir

26-M: tendencia positiva, chea de incógnitas

Manuel Mera | Director da Fundación Moncho Reboiras. Foi presidente da CIG.

Sermos Galiza | 28 de maio de 2019

Os resultados electorais en concellos, autonomías e no Euro-parlamento manteñen a tendencia anunciada nas xerais, tanto a nivel do Estado español como na nación galega. No ámbito estatal, a lectura respecto dos bloques en disputa evidencia o crecemento da esquerda e as opcións progresistas, en detrimento da dereita e estrema dereita. Tampouco se debe obviar que se fortalece asemade o soberanismo. Ou sexa, na práctica a cuestión de clase e a problemática nacional seguen sendo as contradicións principais. Tal como se reflicte, no primeiro caso, na importancia da conflitividade laboral e na mobilización, e nas enquisas sociolóxicas; e no segundo, na mensaxe dominante en partidos e medios, especialmente dende a declaración simbólica da independencia en Cataluña (avalada polo referendo o 1 de outubro).

Estas eleccións, como as do pasado mes, amosan con toda claridade a falta de proxectos do sistema que podan abranguer unha maioría social, tal como se reflicte na confrontación dialéctica entre o PSOE e PP. Lembremos que estes partidos dende a transición disputáronse o centro político, acordando e avalando a Constitución do 78 e as propostas globalizadoras e neoliberais predicadas pola Unión Europea, reducindo a disputa entre eles a dereitos individuais e outros aspectos non sistémicos (como o aborto).

O aumento da confrontación é consecuencia do medre das contradicións internacionais, rexionais, e en cada nación, dun capitalismo na súa etapa senil

Este aumento da confrontación é consecuencia do medre das contradicións internacionais, rexionais, e en cada nación, dun capitalismo na súa etapa senil, carente de proxectos abranguentes que permitan crear alianzas amplas e duradeiras. Neste escenario hai que valorar a belixerancia de VOX, Ciudadanos e o PP, como partidos que representan a sectores do gran capital que consideran que a correlación de forzas élles favorábel, pola debilidade da oposición sindical e da esquerda rupturista, para manter e optimizar beneficios, a costa dunha maior explotación e opresión.

Tampouco se pode ignorar que, a diferencia da dereita populista europea, que busca atraer a sectores da clase traballadora, no Estado español tanto VOX, como Ciudadanos e o PP defenden obxectivos neoliberais, e polo tanto non cuestionan á UE. Neste aspecto manteñen un nexo co PSOE, coa diferencia de que este coida que aínda é posíbel casar globalización neoliberal e estado do benestar, esquecendo que esa utopía formaba parte dun mundo bipolar. Ou sexa, da existencia da Unión Soviética, das repúblicas populares, dos procesos de liberación nacional, e dun movemento obreiro moi organizado e mobilizado na Europa occidental. Unha realidade política, ecolóxica e demográfica que xa non existe, que forma parte do pasado.

Mais, centrémonos nos resultados desta segunda volta das eleccións. Tanto nas eleccións europeas, autonómicas e de concellos no ámbito estatal o PSOE sae reforzado, así como o soberanismo, compensando deste xeito o recuar da chamada nova esquerda (Podemos e compañía). No bloque da dereita o PP, malia recuar, mantense como a principal forza, xa que Ciudadanos non avanza tanto como indicaban algunhas enquisas, e VOX aínda que entra en autonomías e cidades, faino con moita menos presenza da que se esperaba.

Aínda que estes resultados non sexan bos para o PP e a mensaxe de Casado estaba cuestionada internamente por sectores do partido que prefiren un discurso de centro dereita, as alianzas de goberno con VOX e Ciudadanos, en autonomías e cidades, non axudarán para unha viraxe do PP nese sentido. É dicir, a confrontación co PSOE e o bloque de esquerda manterase igual de álxida, máxime cando a cuestión catalá segue viva. Ademais, o bloque da dereita dirixido polo PP goberna Andalucía, e vaino facer na Comunidade de Madrid e no concello do mesmo nome, coa importancia que isto ten, tanto dende o punto de vista económico, demográfico e simbólico.

En poucas palabras, o PSOE non o vai ter doado, tanto polas dificultades do contexto internacional e rexional nesta conxuntura, como polo feito de que non pode seguir relegando temas urxentes que son prioridade social, como a reforma laboral, as novas formas de traballo (uberización, etc), a lei mordaza e o artigo 315.3 do CP, a cuestión das pensións, dependencia, sanidade, e a problemática das nacións periféricas, especialmente o conflito catalán. En síntese, as políticas que poña en práctica o PSOE, aínda que podan ser máis atrevidas pola necesidade de construír maiorías con Unidas Podemos, co arroupe dos partidos soberanistas, non se pode obviar que tamén pode facelo en determinados temas co apoio de Ciudadanos, co que isto implica de freo e mesmo retroceso nalgúns temas laborais e sociais (por exemplo o contrato único e a mochila austríaca).

Na Galiza o bloque da dereita ficou por detrás do formado polo progresismo, o soberanismo e a chamada nova esquerda, co que isto implica en relación coas eleccións galegas do vindeiro ano. Outro dos aspectos destacado destas eleccións foi o retroceso das Mareas+Podemos+EU, en todas as súas múltiples formas de presentación, así como a consolidación do BNG como terceira forza, tanto en relación cos resultados para os concellos como na Euro-cámara. E sobre todo que a fronte volve recuperar representación nas cidades de Vigo e Ourense, esencialmente na primeira xa que se trata da cidade máis grande de Galiza e na que existe unha maior capacidade mobilizadora. Agora ben, unha posíbel substitución do PP na Xunta, sendo un paso esencial para realizar políticas progresistas e de esquerdas, estas non se poderán garantir sen unha correlación de forzas máis favorábel ao nacionalismo nas institucións e, sobre todo, sen aumentar súa hexemonía na rúa. O reagrupamento do nacionalismo é outro dos retos pendentes, outra cuestión son os tempos é cal debe ser a forma.

Polo tanto, será determinante, como sempre o foi, a mobilización laboral, social, cultural e política, en todas as súas formas (que son moitas), para evitar retrocesos e forzar cambios progresistas. Ou sexa, que calquera proposta que faga o nacionalismo galego para os vindeiros anos non se pode circunscribir e rexer só polos procesos electorais. Non pode selo, tendo en consideración os límites e ataduras do sistema, e a actual debilidade institucional do soberanismo no noso país. O obxectivo debe ser, tomar a iniciativa e alentar o debate das propostas e da folla de ruta na sociedade, para gañar en conciencia política, para dar folgos á participación e protagonismo das clases populares, para mobilizar. Só así se construirá base organizada a todos os niveis para garantir a xustiza social, a soberanía nacional, unha economía sustentábel e autocentrada, a igualdade, a democracia.

https://obloguedemera.wordpress.com/

 

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /opinion/manuel-mera/26-m-tendencia-positiva-chea-incognitas/20190527155735080161.html


© 2019 Sermos Galiza